Os concertos da terceira edición do Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo terán lugar entre os días 8 e 17 de agosto no Auditorio Municipal Hernán Naval, escenario polo que pasarán a mezzosoprano Mary Ann Hart, o pianista Emile Naoumoff, o Trío Narciso Yepes, o grupo Barcelona Barroc e o propio fundador e director do festival, Leopoldo Erice.

O prezo das entradas, que xa están dispoñibles na taquilla Caixa Galicia e o día dos concertos no propio auditorio ribadense, será de 10,60 euros. Os maiores de 65 anos e os menores de 18 só terán que pagar 8,60 euros.

Na presentación do programa deste festival, que tivo lugar hoxe no Concello, a concelleira de Cultura, Mari Luz Álvarez Lastra, salientou que este evento “xa se converteu en todo un referente na que é a súa terceira edición”, agradecendo, para a súa posta en marcha, a achega económica da Fundación Caixa Galicia e a dirección artística de Leopoldo Erice.

Música didáctica

En representación da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez explicou que para esa entidade “a cultura en termos xerais, e a música en concreto, é unha das nosas responsabilidades, que levamos con tremendo gusto”. Engadiu, así mesmo que “este terceiro festival internacional é unha mostra diso, pois para chegar a estes niveis de profesionalidade e de importancia requírese a participación de máis dunha entidade”. Sinesio Pérez tamén salientou que o Concello de Ribadeo “amosou sempre unha sensibilidade moi especial para temas culturais, e para a música en concreto”, ao tempo que recoñeceu o “gran traballo” de Leopoldo Erice.

Pola súa banda, o director e fundador deste festival lembrou o “carácter didáctico” que lle é propio a este evento, así como a súa intención de chegar “a todo tipo de público”. Con este obxectivo, Erice sinalou que os concertos irán acompañados de charlas nas que os propios músicos falarán da música que van a interpretar.