O Concello de Ribadeo está a colocar nestes días 50 cubrecontedores en moitos puntos da vila. É unha actuación que pretende humanizar a maioría das rúas do pobo e que conta cun presuposto de 72.000 euros. O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “os veciños de Ribadeo poden comprobar nestes días como en diferentes puntos da vila se está procedendo á colocación de cubrecontedores de lixo cun diseño creado en Ribadeo e consensuado  entre tódolos grupos cando adxudicamos unha serie de obras que estamos executando agora mesmo. Neste caso o investimento ascende a 72.000 euros. É unha destas pequenas actuacións que contrasta con outras de maior calado que se executan agora no noso concello, pero que en todo caso contribúen a humanizar e facer máis bonita a nosa vila. Contamos que nos próximos días se rematen de colocar”. 

O rexedor sinalou que “a parte de congratularme porque o deseño sexa bonito ou porque disimulan cousas que non son agradables para a vista como é ver os contedores, eu quería aproveitar para insistir no que o meu compañeiro Horacio Cupeiro está pedindo nos últimos tempos que é lembrarlle á cidadanía que non deposite o lixo antes das 21:00 horas da noite. Isto débese facer a partires desa hora porque senón na época de verán o lixo fermenta e ocasiona cheiros aínda que se laven os contedores con certa periodicidade, pero non podemos estar lavándoos cada catro días. Polo tanto, sabemos que o comportamento da maioría é axeitado, pero sempre hai unha minoría que non ten conciencia nin ten civismo. A estes veciños é aos que nos queremos dirixir para que por favor sobre todo na época estival, aínda que a normativa o marca durante todo o ano, que o fagan, que depositen o lixo en bolsas ben pechadas a partires das 21.00 horas da noite”.