Suárez Barcia explicou que “estamos aquí no medio desta multitudinaria manifestación en Compostela, á que viñemos moita xente de Ribadeo, pero tamén de outros concellos da nosa comarca. Estamos aquí demandando xustiza, un prezo do traballo, un prezo do leite xusto, que permita cando menos cubrir os custes de produción. Esa é a voz unánime dos gandeiros e penso, polo que vexo estes días, que conta co apoio unánime social desta xusta reivindicación”. O alcalde dixo que “é hora polo tanto de que os gobernos, os que teñan máis competencia na materia, o Estado e a Xunta, poñan de verdade toda a carne no asador. Non valen escusas de dicir todo o que a legalidade permita. A legalidade son as leis, e as leis fanas os gobernos e se queren os gobernos poden cambiar as leis porque dende logo este sector do agro, do campo galego, ten dereito a existir. É un esforzo entre todos”.

O rexedor ribandense lembrou a misiva enviada á distribución do municipio demandando boas prácticas ao sector: “dende Ribadeo hai uns días enviamos unha misiva cordial a todos os establecementos de distribución que temos en Ribadeo, dado que somos un lugar con moita presenza deste sector. Pedimos que por favor non usen o leite como reclamo, que non o vendan por debaixo do prezo de custe, porque isto é unha pequena vitoria a curto prazo, pero faille moi mal ao sector das explotacións gandeiras. Espero que tomen boa nota de como se esta mobilizando o país e que todos a unha fagamos un agro galego vivo, que é o que merece”.