A edil nacionalista asegura que “a pesares da situación e do momento crítico que estamos a vivir Ribadeo segue a ser destino e un punto de referencia para moita xente que quere disfrutar das súas vacacións no noso concello. A cifra das 5.000 persoas que demandaron información turística en Ribadeo e nas Catedrais é un dato máis que significativo”.

Ana Martínez sinala que “o número de visitantes variou bastante entre a primeira e a segunda semana do mes de xullo, xa que se triplicaron os datos. Pola oficina de turismo de Ribadeo pasaron 1.000 persoas na primeira semana se xuño, namentras que na segunda fixérono máis de 1.600. E polo punto de información turística das Catedrais, que comezou a funcionar na segunda semana de xullo pasaron máis de 2.000 persoas”. A concelleira de Turismo subliña que “sempre falamos de datos rexistrados, o cal supón que o número de persoas que chegan a Ribadeo é moi superior. A información tamén se recaba en hoteis, comercios, restaurantes… Despois de consultar a falar cos hoteis estamos rondando o 80% de ocupación hoteleira estes días, aínda que hai casos que se aproximan ao 100%”.

Martínez descatou “a acollida que está a ter a credencial do viaxeiro ribadense e que é gratificante para nós, dado o esforzo que supuxo poñela a andar hai unha semana. Toda a xente que acude á praia das Catedrais e fai a ruta de volta a Ribadeo que lle propoñemos, fotografiando algunhas zonas, obtén esa credencial que é unha acuarela dun artista local. Esas persoas quedan tamén rexistradas no caderno de viaxes de Ribadeo”.

A concelleira de Turismo indicou que “estamos verdadeiramente contentos do número de visitantes que estamos a recibir, e desexámoslles que disfruten e que sigan elexindo Ribadeo como destino”. E engadiu que “non só son turistas os que pasan por Ribadeo, senón que unha parte destes viaxeiros son peregrinos que fan o Camiño Norte. Estiveron a chegar uns 15 diarios, que proceden na súa maioría de Alemaña, Francia e Reino Unido”. En canto aos turistas que elixen Ribadeo para pasar uns días de vacacións proceden, por este orde, de: Madrid, Castela-León, Euskadi, Cataluña, Galicia e Asturias”. Ana Martínez aludiu a que “o buque insignia de Ribadeo segue a ser a praia das Catedrais, a pesares de non formar parte do Top ten da Xunta. Este areal sí que é un dos primeiros referentes do noso país”.

O Concello de Ribadeo puxo en marcha neste verán varias iniciativas destinadas ao turismo. Ademáis da credencial do viaxeiro ribadense, os que se achegan á vila poden disfrutar dun bus turístico, que os leva a percorrer varios puntos de interés; contan tamén por terceiro verán consecutivo cun bus que os leva ata as praias do Concello, e hai tan só uns días poñíase en marcha o taxi turístico, que ofrece tres rutas aos visitantes, por Ribadeo, pola Mariña Oriental e Central e polo Occidente asturiano.