O rexedor sinalou que “hoxe chegou o gran día, chegou o inicio desta nova edición do Ribadeo de tapeo, que desde hoxe, 10 de maio, e ata o 19 de maio, incluído o festivo da Letras Galegas, todos os veciños e veciñas de Ribadeo ou da comarca da Mariña e do Occidente asturiano poderán achegarse á nosa vila e ás nosas parroquias a degustar algunha das 55 obras de arte, que os nosos restauradores teñen preparadas e dispostas para, ao prezo de 1,30 euros, dar o mellor de sí. Dar toda esta cociña en miniatura, estas especialidades coas que se esforzan moito para que despois unha serie de membros dun xurado profesional designe cales son as mellores tapas ao igual que o propio público”.

Suárez Barcia dixo que “a xente que acuda ao Ribadeo de tapeo poderá participar en multitude de sorteos e de eventos. En todos estes días queremos que o comercio, que a hostalaría e que Ribadeo sexa unha festa, que veña coma xente tal e como ocorreu todos estes anos. Sabemos que o momento económico non é o mellor, pero confiamos que Ribadeo siga a ser un punto de encontro e que arredor dunha tapa e dunha consumición se poida parolar e pasalo ben, ademais de degustar esta gastronomía en miniatura”.

O alcalde ribadense subliñou que “este ano imos traspasar todo isto por primeira vez ás redes sociais e ás novas tecnoloxías, dado que xa está dispoñible para descargar unha aplicación para a plataforma Android como para IOS, para Apple, para que a través dos teléfonos móbiles se vexan as tapas, os lugares nos que se serven, cómo chegar ata eles e toda a actividades cultural que temos despregada para este Ribadeo de tapeo, que o que pretende é seguir atraendo xente ao noso concello”.