O rexedor dixo que “xunto con esta iniciativa coa que nos fomos distinguindo ao longo de todos anos tanto na Mariña de Lugo como no Occidente asturiano, tamén presentamos a segunda edición dos Soños gastronómicos, mediante a que unha serie de hoteis e hostais ofrecen descontos á xente que pase a noite durante eses días do Ribadeo de tapeo”.

Fernando Suárez sinalou que “o Ribadeo de tapeo conta, máis que nunca, cun montón de participantes, concretamente 55 establecementos (bares, mesóns, restaurantes, etcétera), que creo que se incrementa en tres con respecto ao número do ano pasado. O prezo da tapa seguirá sen subir, a 1,30 euros, como estes anos anteriores”.

Nesta edición da publicación que recolle todas as tapas participantes “utilizamos un cadro de Rembrandt, Lección de anatomía, e incluso todas as tapas e os pinchos están enmarcados como se foran auténticas obras de arte, que é o que son a xulgar polo traballo que fan todos os chefs, todos os restauradores, que están intentando dar o mellor de si para ofertar a mellor tapa, que logo tanto o público, por unha banda, como o xurado, pola outra, se van encargar de valorar para dar os premios. Aínda que aquí, como en todo o que facemos en Ribadeo, o importante non é ganar senón participar”.

O alcalde ribadense explicou que “ademais dos miles de libros e de guías que editamos cos horarios, cos lugares, cos mapas e tamén con estas follas para ir marcando por parte da xente que queira participar nos sorteos temos tamén, por primeira vez, unha iniciativa a través do teléfono móbil cos códigos QR para as plataformas Android e IOS, é dicir do que leva Apple para o Iphone, Ipad, etcétera. Desta maneira a xente en calquera dos bares participantes e tamén en calquera código QR que encontre polos libriños poderá acceder a unha aplicación en internet onde se explica absolutamente todo. É dicir que este ano non fai falta ter o libro para saber os lugares, os horarios, a tapa, etcétera”.

Suárez Barcia convida “aos nosos veciños e amigos de concellos limítrofes da Mariña Luguesa e do Occidente asturiano, porque teñen unha chea de días desde este fin de semana próximo ata o seguinte, é dicir do 10 ao 19 de maio para achegarse a Ribadeo e saborear algunha das 55 tapas. Para poder participar en algún sorteo terán que ter polo menos 20 selos marcados, 20 tapas consumidas, e os que queiran acceder ao Larpeiro de ouro terán que marcar os 55. Hai unha serie de premios como noites de hotel, voos en avioneta, fins de semana en casas de turismo rural, cursos de surf, bonos de consumo para a praza de abastos, etcétera”.

O Ribadeo de tapeo tamén leva aparelladas outras actividades coma actuacións culturais, de teatro, a colaboración do colectivo Sonda Norte, monólogos. En definitiva hai un montón de escusas para estar en Ribadeo durante todos estes días, para consumir nos locais tanto da vila como das parroquias e queremos convidar a todo o mundo a que así o faga.

O rexedor de Ribadeo manifestou que “esta iniciativa preséntoa eu porque a concelleira de Turismo e Desenvolvemento Local, Ana Martínez, non pode estar hoxe aquí porque ven da feira de turismo de Bilbao, onde estivo representando a Ribadeo durante toda a pasada fin de semana. É de destacar a importancia que damos desde a súa área a todas estas iniciativas de turismo, que é un elemento cada vez máis importante que estaba por descubrir en Ribadeo e notamos como se percibe que cada vez máis xente ven a Ribadeo. E tamén é importante sinalar o apoio que nos dá a Deputación Provincial de Lugo para organizar este evento, que parece que non custa moito pero realmente a publicidade, os carteis, a difusión que é necesaria lévanos unha parte importante de recursos”.