A edil nacionalista sinalou que “hoxe Ribadeo abre as súas portas ao Nadal co acendido do alumeado navideño, que dará paso ao tradicional Mercado do Nadal que chega á súa undécima edición. Ademais por segundo ano consecutivo este evento desenvólvese polas rúas peonís de Ribadeo, buscando integrar así o que é o comercio tradicional cos postos artesáns, de xeito que a nosa vila se converta desde hoxe e ata o 8 de decembro nun centro de ocio e de compras, onde a xente que veña a disfrutar das actividades programadas faga as compras dos agasallos navideños, poida tomar un café ou aproveitar a oferta gastronómica dos diversos establecementos hostaleiros de Ribadeo”.

Hoxe haberá un obradoiro de xoiería para nenos a partires das 17:30 horas no Cine Teatro e pasarrúas musical a cargo de Alesancia. Mañá, 4 de decembro, tamén a partires das cinco e media desenvolverase un obradoiro de manualidades no Cine Teatro e ás 18:30 horas temos previsto outro obradoiro de macramé para nenos que se impartido na Casa do Viejo Pancho. O xoves de 17 a 21 horas haberá un obradoiro de cestaría para nenos a cargo de Carmen Fieiras Rifón na oficina de turismo e ás 18 horas terá lugar un obradoiro de instrumentos tradicionais impartido por Os Alegres no Cine Teatro.

Xa o venres, 6 de decembro, de 11 a 14 horas desenvolverase unha mostra en vivo de olería de Bonxe a cargo de Josefa Lombao (Pepa de Bonxe), diante do Cine Teatro. E a partires das 12 do mediodía haberá animación pola rúa con Amigos da Gaita. Pola tarde, ás 16:30 horas charla coloquio Como facer e posicionar un blog que pronunciará Silvia Navarro, blogger de 1sillaparamibolso.es. Este acto está organizado por ACISA e polo Concello de Ribadeo. E o mesmo venres de 16 a 19:30 horas haberá un novo obradoiro Ribadeo á miña medida, impartido por MAUMarela na rúa Reinante e destinado aos máis pequenos da casa.

O sábado, 7 de decembro, será a III Festa do Comercio que organiza ACISA a partires das oito da tarde no Cine Teatro. E o domino, 8 de decembro, de 11 a 14 horas haberá unha mostra en vivo de tear da man de Noela Feal Jiménez na rúa Ramón González e tamén haberá animación musical pola rúa. E de 16 a 17 horas obradoiro de origami na oficina de turismo. Ao tempo que discorren todas estas actividades desde hoxe e ata o 8 de decembro tamén será posible visitar unha exposición demostración de torneado e talla artística de madeira na sala de exposicións do parque de San Francisco.

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo indicou que “si chove as actividades previstas na rúa trasladaranse ao Cine Teatro ou ao Cantón”. Ana Martínez convida “á xente, a todos e a todas, a que se acheguen a Ribadeo estes días a mercar e a disfrutar do Mercado do Nadal xa tradicional nestas datas na nosa vila”. Un total de 32 artesáns se dan cita no Mercado do Nadal de Ribadeo. Os stands estarán abertos de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas.