Como cada verán ao longo de once anos, o vindeiro 7 de xullo dará comezo o Mercado dos Domingos de Ribadeo, organizado pola asociación A Sucadoira e o Concello. Con esta actividade, situada na explanada exterior da Praza de Abastos en horario de 9 da mañá a dúas da tarde, “buscamos poñer en valor e promover os produtos locais, principalmente vinculados coa nosa horta, e dos que podemos e debemos destacar a súa calidade. Tamén poderemos degustar outros produtos como ostras da ría, queixos, conservas artesanais, pan de trigo e de centeo, empanadas, embutidos e poderemos atopar tamén outros artigos coma cestería e coitelería”, segundo explicou a concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez.

A presidenta da asociación A Sucadoira, Ana Isabel Díaz, anima aos veciños e turistas a achegarse a “probar os produtos da terra, de Ribadeo e da comarca, ver a boa calidade dos mesmos, todos colleitados na zona. Poderán adquirirse patacas, grelos, leitugas, chícharos, pementos, tomates, cebolas, fresas, acelgas, espinacas e froitos de tempada de todo tipo, como arandos…”.

Díaz afirma que aqueles que se acheguen aos Mercado dos Domingos notarán a frescura dos produtos, xa que se traen directamente da horta para o posto, de forma que conservan todo o seu verdor e calidade. E subliña tamén que ditos alimentos chegan ao seu destino sen necesidade de ningún intermediario. Así, alenta a que “a xente veña ver os nosos postos, como funcionamos e que proben os nosos produtos”. O Mercado dos Domingos presentouse este mediodía no salón de plenos do Concello. Ao acto asistiron outros membros de A Sucadoira e o alcalde, Fernando Suárez.