A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez, sinalou que “esta feira supón o broche a esa tempada de horta que se celebra cada domingo durante o verán nos arredores da praza de abastos de Ribadeo cunha grande afluencia de público”. A edil nacionalista dixo que “este evento non é só unha feira de exaltación dos nosos produtos, senón que é un punto de encontro co local, con esa volta ao consumo de proximidade, dos produtos de calidade, porque nestes momentos complicados debemos apoiar e valorizar a economía local e o consumo na zona”.

A X Feira da Horta dará comezo ás 9 da mañá coa apertura dos postos dos produtores. Ás 11 haberá música en directo da man dun grupo de gaiteiros Soutoximaro. Ás 11:30 terá lugar un obradoiro lúdicos dirixido aos máis pequenos entorno á producción agroecolóxica. A partires das 12 o xefe do servizo de Calidade Agroalimentaria da Xunta, José Mouriño Cuba, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, realizarán unha intervención na Feira da Hora, “á que seguirá unha das primeiras novidades desta cita que será a cociña en directo da que poderemos disfrutar, elaborada con produtos da zona e con degustación dos mesmos. Para este Ribadeo degusta contamos coa colaboración de dous cociñeiros de Ribadeo, José Blanco do restaurante La Solana, e Manuel López Valencia do hotel restaurante Voar”, segundo explicou Ana Martínez.

Durante a xornada haberá tamén unha mosta de oficios e costumes tradicionais do grupo de Portadores de Tradición Oral San Tirso del Eo. A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo subliñou que “outra das novidades deste ano, que conta coa colaboración de ACISA, será que uns 25 locais hostaleiros asociados elaborarán tapas degustación gratuitas cos produtos aportados pola horta. Así este ano a degustación terá lugar nestes bares e restaurantes ribadenses”. Ana Martínez convida “a todos e a todas a vir o domingo a Ribadeo a disfrutar desta xornada non só gastronómica senón tamén de concienciación de consumo local dos nosos produtos, que van da terra ás nosas mesas sen pasos de conservación, coa frescura e coa calidade da proximidade, e comprobar así en directo que Ribadeo e Mariña dispón dunha horta de calidade que merece a nosa atención”.