O secretario xeral de Relacións Institucionais, Xoán Antón Pérez Lema, que acudiu á presentación da mostra, asegura que esta exposición “ten un carácter basicamente didáctico e é sinxela, xa que a Vicepresidencia o que pretende é darlle a coñecer ao pobo galego un símbolo tan importante da súa identidade nacional coma é o himno”. O secretario xeral de Relacións Institucionais asegura que “o pobo galego viviu unha situación de certo ou de bastante descoñecemento do seu pasado. A nosa xente descoñece a nosa historia, descoñece parte da nosa cultura e descoñece os símbolos nacionais e esta exposición o que pretende é dar unha idea do que é o noso himno, cal é o seu sentido…”.
Xoán Antón Pérez Lema engade que “partimos dunha idea fundamental de que non son os pobos que máis desprezan a súa historia, os seus signos de identidade, a súa cultura… os que máis avanzan e os que máis niveis de modernidade e desenvolvemento económico acadan. Se observamos, son moitas destas pequenas nacións europeas máis desenvolvidas as que máis coidan e miran polo propio, porque se descoñecemos a nosa historia, os nosos símbolos nacionais, as nosas características… é moi difícil que poidamos ir con paso firme cara ao futuro”.
Desde decembro de 1907
‘O Himno. Os tempos son chegados’ é unha mostra impulsada pola Vicepresidencia da Xunta na conmemoración do centenario da primeira interpretación do Himno Galego na Habana, o 20 de decembro de 1907. O relato expositivo da mostra vai debullando en grandes paneis moi visuais algúns dos versos do poema de Pondal. Así, baixo as palabras
Na costa verdecente, o visitante descobre o mapa máis antigo que reproduce a Galicia, o Metellus de 1595. No Confín dos verdes castros, que fala da nosa cultura, aparece a máis antiga representación de Callaecia como unha moza nun manuscrito de Oxford do século IX, así como a inscrición romana máis antiga conservada onde aparece o nome de Callaecia, probablemente do ano 1. Baixo o epígrafe Fogar de Breogán sae a imaxe máis antiga do Escudo de Galicia, de arredor de 1282, do College of Arms de Londres. Da confusión francesa de “Galice” con “cáliz” saíu o cáliz do escudo e, do seu fondo azul, probablemente a franxa azul da bandeira, nacida arredor de 1890, igual que a letra e a música do Himno.
Noutras seccións da mostra trátase da lingua (A nosa voz pregoa) do Panteón creado en 1891 (Os bos e xenerosos) ; ou da bandeira (Non des a esquecemento), coa reprodución da máis antiga de tela conservada na Real Academia Galega que acompañou o corpo de Curros dende A Habana ata A Coruña hai cen anos, en 1908. Co título O noso rouco son explícase a nosa tradición musical. Tamén a tradición galeguista queda reflectida en Nazón de Breogán. Finalmente co verso Desperta do teu sono achéganos á creación do Himno por iniciativa do músico Pascual Veiga Iglesias, que lle pide a letra ó poeta Eduardo Pondal. Desa conxunción sae Os pinos, o Himno, datado o 13 de xuño de 1890 na Coruña.
Nesta mostra ilustrativa vemos a imaxe de Galiza a través dos escultores, dos pintores e doutros creadores como Camilo Díaz Baliño, Castelao, Maside, Cebreiro, Gómez Román, Laxeiro, Díaz Pardo ou Miguel Anxo Prado, que deseña en exclusiva un Breogán. Eduardo Pondal e Pascual Veiga conseguiron crear un símbolo, o Himno Galego, que é recoñecido, respectado e valorado.