O rexedor contou que “está todo preparado para esta segunda maratón entre Ribadeo e As Catedrais, esta proba durísima de máis de 21 quilómetros que o ano pasado se fixo por primeira vez, cun éxito importantísimo. Ao final acabaron correndo máis de 600 persoas, 641. Para este ano, como todo o que pasa aquí en Ribadeo sempre vai a máis, van xa inscritas 767, que mañá van dar o mellor de si mesmas nunha carreira cun fondo deportivo enorme, dun esforzo enorme, pero tamén reivindicativo do medio natural polo que pasa, da natureza, da paisaxe, do litoral tan fermoso que temos en Ribadeo, que tamén é un recurso turístico e económico de primeira magnitude, a xulgar pola cantidade de xente que vai correr e que vén doutras latitudes”.

Suárez Barcia manifestou: “poderíamos falar dunha carreira internacional, porque hai xente que vén de Polonia, Reino Unido, Portugal, non soamente os galegos ou mesmo asturianos ou madrileños que o ano pasado participaron. Esta carreira está irradiando unha participación enorme, a verdade é que para facela hai que estar moi en forma porque é unha carreira moi dura, pero penso que pagan a pena os lugares por onde pasa, empezando aquí na vila, seguindo polas parroquias, por Piñeira, Vilaselán, Vilaframil, Rinlo e rematando na Devesa, como non, na praia máis internacional, que é a praia das Catedrais, a nosa praia, a praia ribadense das Catedrais”.

O alcalde de Ribadeo agradeceu a todos os colaboradores a súa axuda: “quero agradecer a colaboración inestimable tanto do Eroski Center, como do Gadis, que nos axudan de maneira desinteresada para facilitarnos alimentos tanto líquidos como sólidos para os corredores, durante carreira e tamén ao finalizar. Debemos dicir tamén que o éxito do ano pasado foi dado a que houbo practicamente un cento de voluntarios que estiveron nos cruces, nos avituallamentos, durante a carreira. Contamos novamente con eles este ano, coa novidade de que imos contar tamén co Colexio de Fisioterapeutas da Universidade da Coruña, que vai traer unhas dez persoas para que boten unha man ao final, porque hai xente que vén moi cargada das pernas, de tanto esforzo, de tanto sacrificio”.

Suárez invita a todo o mundo a achegarse e gozar do espectáculo que tamén supón a maratón: “mañá a partir das seis da tarde, aquí vai ser unha festa, poderemos ver centos e centos de corredores, primeiro dando unhas voltas por aquí pola parte urbana e logo xa meténdose no litoral. E o remate na praia máis internacional que temos, a de Augas Santas ou As Catedrais”.