O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “nesta semana imos dar comezo a unha xeira de charlas polas parroquias sobre unha campaña de prevención dos atropelos, sobre todo para os viandantes. Facemos esta iniciativa desde o Concello en colaboración coa Dirección General de Tráfico e neste caso axudarannos axentes da Policía Local de Ribadeo, que en diferentes horarios se desprazarán aos lugares nos que se impartirán ditas charlas para que as persoas que así o queiran poidan recibir eses consellos e ao mesmo tempo faráselles entrega dun chaleco reflectante”.

O rexedor engadiu que “agora que ven a primavera e o verán moita xente, e ben feito pola súa parte, aproveitan as tardes e as noitiñas para dar paseos e facer exercicio, que sempre está ben, pero isto tamén pode provocar situacións de perigo para os viandantes. Ás veces por non estar ben identificados un vehículo pode chegar a atropelalos porque non os poida ver. De aí que se dean unha serie de recomendacións técnicas por parte da Policía Local”.

Suárez Barcia convida “a todos os veciños e veciñas que así o queiran a que se acheguen a algunha destas charlas que haberá esta semana”.

Hoxe, 24 de marzo, as charlas terán lugar na escola de Vilela, ás 19 horas; na escola de Vilaselán, ás 20 horas; na escola de Couxela, ás 21 horas; e na escola de Cedofeita, será ás 22:10 horas.

O mércores, 26 de marzo, a charla para previr atropelos terá lugar no teleclube de Vilausende a partires das 18:30 horas.

E xa o xoves, 27 de marzo, será o turno para A Devesa. Neste caso a charla celebrarase no Círculo Habanero a partires das 17:40 horas; na escola vella de Rinlo será ás 18:45 horas; na escola de Ove ás 19:30 horas; e na escola de Remourelle ás 21:30 horas.

Nas charlas participará o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e membros da Policía Local. A todos os que asistan entregaráselles un chaleco reflectante.