Pilar Otero, concelleira de Cultura, contou que “ata Ribadeo achegouse, para levar os valores da paisaxe e da arquitectura ao alumnado do IES de Ribadeo, Carlos Henrique Fernández Coto, presidente de APATRIGAL (Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego), director da Oficina de Rehabilitación de Rianxo e, entre outras moitas actividades que desenvolve no eido do urbanismo e a arquitectura, tamén creador da coñecida conta de facebook Canibalismo urbanístico e maltrato da paisaxe“. 

A edil nacionalista dixo que “cumprir co obxectivo de visibilizar o que xa é un feito en Galicia e impactar ao alumnado coas numerosas imaxes que o arquitecto explicou, fará que no futuro teñamos unha sociedade máis consciente do impacto ambiental dos nosos feitos e decisións tanto a nivel particular como, sobre todo, a nivel institucional. Para preservar o patrimonio cultural e natural é necesario reeducar á sociedade, manter un programa de sensibilización desde a base, nos nosos centros de ensino, e concienciar a todas as persoas na responsabilidade de manter e protexer o noso patrimonio. Esta labor ten que partir das autoridades, das institucións, porque somos nós os primeiros que temos que dar exemplo”.