Na actualidade os Servizos Sociais do Concello de Ribadeo, Cáritas e a Cruz Vermella realizan de forma coordinada o reparto de alimentos a moitas familias co obxectivo fundamental de chegar ao maior número delas e facelo de xeito equitativo. Segundo explica a concelleira Teresa González Piñeiroa “nos últimos tempos tense constancia dun incremento do número de persoas necesitadas deste recurso e por este motivo realízanse reunións periódicas e actuacións conxuntas”.

A edil nacionalista sinala que “dado que unha boa organización á hora de programar as comidas é un hábito saudable e un bo recurso para axudar á economía doméstica, o vindeiro venres, 25 de maio, ás 11 da mañá na Casa do Mar de Ribadeo unha nutricionista impartirá unha charla sobre consumo responsable. As persoas asistentes recibirán unha guía da dieta semanal de consumo”. Este acto está organizado pola Cruz Vermella e a Fundación Alimerka en colaboración co Concello de Ribadeo.