O alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, explicou hoxe que “o día 28 de decembro de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se  abre o prazo para solicitar a participación para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago. Entre eles figura o Camiño Norte, que discorre  polo noso concello e que atinxe ás parroquias de Ribadeo vila, Ove, Arante, Covelas,  Cedofeita  e  Vilaselán. Técnicos da Xunta de Galicia desprazaranse a Ribadeo para impartir unha charla e así resolver as dúbidas que poidan xurdir respecto desta convocatoria de subvención. A cita terá lugar o vindeiro martes, día 16 de febreiro, ás 20 horas no salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo”.

“Como alcalde deste Concello compráceme convidalo a esta charla, que considero poida ser do seu interese. E tamén lle transmito que vostede pode pasar pola Oficina Municipal de Rehabilitación, sita na planta baixa do Concello, para recibir toda a información a respecto desta convocatoria de subvención, no horario de luns a venres de 9 a  14 horas”, engadiu Fernando Suárez nun escrito dirixido aos veciños que poden beneficiarse destas axudas.