O rexedor dixo que “sempre me teño referido á importancia da colaboración cidadá á hora de clarexar ou de aportar pistas ou indicios que poidan conducir a que, ben á Policía Local ben a Garda Civil, poidan coller aos malos por así decilo neste asunto dos roubos que levamos padecendo un tempo na comarca da Mariña e tamén en Ribadeo. Teño o dito moitas veces e fun obxecto de críticas por parte da oposición acusándome de querer alarmar e de converter isto nunha especie de gran hermano, que para nada é así”.

Suárez Barcia sinalou que “hoxe quero volver insistir no mesmo, porque na Policía Local estánse a recibir avisos de veciños de situacións sospeitosas como que nalgúns portais, ou no lateral dos telefonillos, ou nos propios botóns dos porteiros automáticos están a aparecer algunhas marquiñas ou pinturas en cor vermella ou negra. Pode parecer que é un símbolo ou un código de alguén que poida identificar determinadas situacións. De feito esa simboloxía apareceu nos inmobles nos que se perpetraron os últimos roubos en Ribadeo”.

Por ise motivo o alcalde de Ribadeo volve pedir colaboración aos veciños e ás veciñas de Ribadeo “porque os patróns de roubo non son sempre os mesmos. Non é que se cometan só de noite, senón que tamén se producen de día, tal e como ocorreu nos últimos casos. Non é só que se cometan nas aforas porque tamén se producen no centro da vila. Para que a Policía Local e a Garda Civil poidan ter máis facilidades  co fin de atallar esta situación de inseguridade que se está a dar nos últimos tempos quero pedir unha vez máis que calquera que vexa conductas estranas ou este tipo de simboloxía no seu portal que o comunique ás forzas de seguridade. É fundamental para que todos poidamos avanzar máis á hora de coller a estes cacos que están a sementar certa preocupación, normal e lóxica, entre a cidadanía do noso Concello”.