Suárez Barcia declarou que “máis aló das indicacións xenéricas que estamos recibindo como cidadás por parte das autoridades sanitarias do Estado, en canto a evitar aglomeracións de máis de 1.000 persoas, máis aló das recomendacións das medidas destinadas a conter o contaxio nos centros residencias de persoas maiores que ditou a Xunta e que estamos a cumprir, neste momento sabemos que pola tarde vai haber unha xuntanza entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Concellos e que de aí sairán as medidas a adoptar polos Concellos dentro das nosas competencias”.

O alcalde dixo que “mentres tanto, e sen prexuízo de seguir mantendo as instrucións xenéricas de hixiene e de contacto que están emitindo as autoridades sanitarias, tanto galegas como estatais, o que queremos é mandar unha mensaxe de tranquilidade e ante todo moita calma, como dicía a canción, nas nosas rutinas e nos nosos hábitos, porque todas estas medidas que se están a dar son de carácter preventivo e debemos actuar con esta mesura dado que evidentemente non se vai acabar o mundo”.

Suárez Barcia lembrou que “se alguén ten dúbidas sobre se pode estar contaxiado ou ter indicios de ter este virus debe chamar ao teléfono que está establecido a nivel estatal para o Covid 19 e que é o 900 400 116. Para máis información, nas próximas horas cando poidamos con certeza dicir máis instrucións faremos inmediatamente comunicación a toda a poboación de Ribadeo”.