O rexedor referíuse hoxe á contestación que o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño lle acaba de dar aos deputados do BNG no Congreso a cerca do estado de tramitación deste proxecto. Segundo explica Suárez Barcia “o goberno contesta que desde abril está en fase de licitación dito proxecto de máis de 2 millóns de euros e para esta anualidade de 2010 hai consignados nos orzamentos do Estado 400.000 euros grazas a unha enmenda presentada por parte do BNG. Desde logo esta obra, esta recuperación etnográfica destes recursos abandoados vai supoñer un aliciente moi importante para o turismo que chega non só a Rinlo senón a todo Ribadeo, dado que como elemento de ocio, turístico ou mesmo educativo para os máis nenos será moi significativo”.

Ao alcalde parécelle “tempo dabondo o transcurrido desde o pasado mes de abril, momento no que se iniciaron os trámites para licitar a obra. Entendemos que terán que espabilar moito para que antes de que remate o 2010 se poida proceder á súa adxudicación. Xa vexo que difícilmente se poderá certificar ou executar esta partida de 400.000 euros que hai consignada nos orzamentos do Estado para este ano e canto máis tardemos en licitalo máis se tardará en ver a obra totalmente rematada”.

Fernando Suárez engade que “é unha obra que fará unha vez máis de Ribadeo un referente para ben. Agardo que o goberno do Estado, a pesares da súa situación económica, cumpra cos compromisos consignados porque aquí non se está a pedir nada adicional nin trato de favor especial, que tamén o merecemos por outra parte. Esto está consignado, hai que executalo e hai que licitalo inmediatamente. Esperemos que esta contestación que lle da o goberno ao BNG no Congreso que se efectivice e que nos próximos días vexamos xa finalmente no Boletín Oficial do Estado o anuncio formal de licitación destas importantísimas obras de recuperación das cetáreas de Rinlo”.