A cita terá lugar no Real Club Náutico de Ribadeo e contará con dúas conferencias a cargo do biólogo e presidente da CEMMA, José Cedeira. A xornada completarase cunha inmersión práctica, un obradoiro baseado nun simulacro de asistencia e rescate a un golfiño varado vivo e a proxección do vídeo A caza da balea en Galicia.

Baixo o nome Cetáceos de Galicia: bioloxía, asistencia e conservación,  a xornada comezará ás 9 da mañá do vindeiro sábado. Farao cunha inmersión do persoal especializado do Centro de Actividades Subacuáticas Costa de Lugo. A esta inmersión sucederalle ás 11:30 o taller práctico Simulacro de asistencia e rescate dun golfiño varado vivo, dirixido polo responsable da Unidade Móbil de Asistencia a Varamentos da CEMMA – Norte, Juan Ignacio Díaz Da Silva.

Xa pola tarde, as actividades continuarán no Real Club Náutico a partir das 16:30 con dúas charlas a cargo do biólogo e presidente da CEMMA, José Cedeira. A primeira versará sobre os Mamíferos mariños de Galicia: bioloxía e conservación. A segunda levará o título de Interacción cetáceos – pesca: impacto da mortalidade por captura accidental en artes de pesca, e comezará arredor das 17:15 horas. O ciclo pecharase coa proxección ás 18:00 horas dun vídeo destinado a informar sobre a caza da balea en Galicia.