O Concello de Ribadeo cedeu máis de 50 cadros do seu inventario municipal a 18 asociacións para que os exhiban nos seus locais. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que “esta iniciativa que poñemos en marcha hoxe ven dada porque unha condición para o uso das salas municipais de exposición, xa desde hai moitos anos en Ribadeo, é que os artistas doen unha obra ao Concello de todas as que exponen. Así as distintas dependencias municipais van enchendo as súas paredes con obras artísticas, fundamentalmente de pintura froito destas doazóns”.

O alcalde engade que “tamén nos atopamos con que hai agora mesmo máis de 50 cadros para os que non había sitio, por iso nos pareceu máis lóxico cederllos ás asociacións de Ribadeo que teñan ou estean a punto de ter uns locais axeitados para poder exhibir estas obras de arte”. Suárez Barcia explica que “o período de cesión en depósito vai ser por un máximo de dez anos para posibilitar que o Concello teña tempo dabondo de fornecerse de novos fondos e que poida nun momento dado renovar obras deses locais ou facer intercambios entre uns e outros. E hoxe representantes de 18 asociacións recibiron un lote de cadros dos que deben facerse cargo porque seguen sendo un ben de todos xa que forman parte do inventario municipal, pero en definitiva o espíritu desta idea é achegar a arte, neste caso a pintura, a todos os recunchos do noso concello”.