A responsable da biblioteca explicou que “onte rematou o prazo de entrega dos traballos para o certame de poesía de Nadal 2016. A biblioteca de Ribadeo desde hai moitos anos participa neste certame que se ven convocando a nivel provincial desde 1992. Esta é a vixésimo terceira edición e este ano para esta fase local presentáronse 210 traballos en tres categorías: de nenas e nenos ata 8 anos, de 9 a 11 anos e de 12 a 16 anos. A participación sempre é moi alta, a colaboración do profesorado e das familias é importante e desde a biblioteca estamos moi contentos. Dar as grazas a todos os que participan porque cremos que é moi importante que os nenos e as nenas se familiaricen coa lectura e coa escritura, que lles vai servir ao longo da súa vida”.

A continuación o edil de Cultura comentou que “é un pracer ir lendo os distintos poemas que se presentaron porque cada cativo e cada cativa é un mundo, é un feixe de creatividade que teñen que desenvolver pouco a pouco e para iso é moi importante que teñan a oportunidade de presentarse a concursos deste tipo. E dá os seus froitos porque aparte de que varios deles resultan gañadores dalgúns dos premios aquí, en Ribadeo, ademais participan na fase provincial e, por exemplo, o ano pasado na categoría A, de nenos e nenas de ata 8 anos, o poema Xesús nace, de Darío López Sanjurjo, que daquela tiña 6 anos, levou o segundo premio en Lugo; na categoría B, de 9 a 11 anos, o poema O Nadal máis fermoso do mundo, de Julia Rodríguez Menéndez, de 11 anos, levou o primeiro premio en Lugo; e na categoría C, de 12 a 16 anos, Sabela, de Alicia Asensio Bande, de 13 anos, levou o segundo premio en Lugo; e mesmo houbo un segundo accésit para o poema Espírito de Nadal, de Daniel Pérez Vargas”.

Para Farruco Graña “é un pracer ver que a capacidade creativa dos nosos nenos e nenas tamén esperta interese no ámbito provincial. Agardamos tamén que este ano algúns dos premiados, cantos máis mellor, reciban tamén o seu galardón na fase provincial, pero de momento imos centrarnos na local. Agradecer, como dicía Chus, a todo o profesorado e aos pais e nais que mostran interese pola escrita para que os rapaces poidan desenvolver tamén esa capacidade creativa. Nenos e nenas que len son nenos e nenas que poden escribir. Téñense que animar a practicar a lectura e a escritura, porque quen escribe ben é porque le ben e quen le ben ten a capacidade de escribir ben e quen escribe ben sabe expresarse e o día de mañá terá moita máis capacidade para desenvolverse na súa vida cotián. Se ademais algúns deles acaban sendo exemplo de literatura xa consolidada mellor que mellor e será todo un orgullo para os ribadenses ter persoas no eido das letras que destaquen pola súa capacidade creativa. Pero o fundamental é plantar a semente para que todos e todas leamos, visitemos a biblioteca El Viejo Pancho e tamén nos animemos a escribir”.

Ademais o edil nacionalista aproveitou para recordar que “aínda está aberto o prazo, ata finais de xaneiro, do primeiro certame literario e artes plásticas xuvenil do Concello de Ribadeo e quero lembrarlles aos mozos e mozas que no seu momento, sendo cativos e cativas, participaban neste certame de poesía infantil de Nadal e tamén no das Letras Galegas que sigan poñendo empeño na súa capacidade creativa e que ata finais de xaneiro teñen de prazo para entregar os seus traballos. Será unha aposta interesante que ademais verá o seu froito cando a comezos de verán, na Feira do Libro, presentemos as obras gañadoras en forma de libro. Así que ánimo, a seguir pensando e cavilando en ideas que frutifiquen nos relatos, poemas ou debuxos”.