O edil Farruco Graña dixo que “desde a Concellería de Cultura do Concello de Ribadeo queremos lembrar que aínda queda practicamente un mes de prazo para presentarse ao concurso literario que convocamos, ao II Certame Xuvenil Literario de Artes Plásticas Concello de Ribadeo. Queremos facer esta lembranza porque xa van dous meses, seguro que moitos mozos e mozas que están interesados en participar están preparando a súa obra, pero en todo caso lembrar que aínda queda tempo”.

O concelleiro de Cultura subliñou que “o prazo remata o 31 de marzo de 2018, co cal aínda queda un mes de creatividade para poder desenvolvela e presentarse a este concurso”.

Graña explicou que “se poden presentar baixo a modalidade de relato curto, de poesía e de debuxo. Deberán ser obras escritas en lingua galega, na normativa oficial, e a temática será libre aínda que valoraremos especialmente a perspectiva de xénero, e sobre todo que reflictan temas relacionados con Ribadeo ou A Mariña en xeral. No caso de ser obra gráfica, o mesmo, pero en vez de ser temática referida a texto escrito a esa obra gráfica. As persoas interesadas en participar neste Certame poden consultar as bases na páxina web do Concello, pero ante calquera dúbida tamén poden chamar á Concellaría de Cultura”.

O edil ribadense sinalou que “as persoas que poden participar son aqueles mozos e mozas que naceran entre o 1 de xaneiro de 1987 e o 31 de decembro do ano 2001, ou sexa, mozos e mozas entre 16 e 30 anos, que naceran ou vivan na Mariña. Se hai algún mozo ou moza que está estudando bacharelato de Artes en Burela, pero que non naceu na Mariña e tampouco está empadroado non importa, aos efectos considerarémolo un mozo e moza máis mariñán que pode participar. A obra se pode entregar en persoa no Rexistro do Concello ou envíala por correo. Haberá que entregar a obra baixo a modalidade de lema e plica, ou sexa, nun sobre grande metemos a obra escrita, tres exemplares, e nese sobre irá outro pequeno sobre cos datos específicos, trátase de garantir o anonimato como se fai normalmente nos concursos”.

O concelleiro de Cultura en Ribadeo manifestou que “o premio é modesto pero suculento a súa vez porque son 500 euros por modalidade, iso si sometidos á retención correspondente do IRPF. Os mozos e mozas menores de idade deberán acompañar a autorización dos pais a participar no concurso para poder facer efectivo o cobro do premio, se fora o caso”.

Farruco Graña engadiu: “aos mozos e mozas que estades pensando en calquera idea para escribir, para facer unha imaxe, unha pintura, un lenzo, un carbonciño ou algo, animádevos que aínda queda tempo. Animar a todos e a todas a participar, e que viva a creatividade, que é o máis importante sobre todo na mocidade”.