Na presentación estivo o alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, quen dixo que “na Mariña, ou Galicia en xeral, poucos clubs chegan ós 100 anos, e aquí temos a sorte e o orgullo de que un club de fútbol fora creado a principios do século XX, quizais imbuído daquelas xentes que traían estes deportes un tanto estraños daquela, dende o Reino Unido ou incluso dende o País Vasco, a través dos camiños de ferro da liña Ribadeo-Vilaodriz, daqueles obreiros que viñeron construír esta liña férrea ou se cadra tamén con este porto comercial importante de interese estatal, como era o porto comercial de Ribadeo durante os séculos XVIII e XIX. De todo aquilo seguramente que no século XX tamén tiña a súa transcendencia e era lugar de entrada non so de produtos, senón tamén de modas, de tendencias e, como non, de deportes, como é o caso. Hoxe somos outras persoas herdeiras daquela xente que no ano 1913 decidiron fundar un club de fútbol e hoxe, como digo, outras persoas representando á parte institucional, á parte do Concello, como é quen lles fala; representando aos sucesores daquela directiva, tanto a que acaba de saír hai pouco tempo como a que agora dirixe o Ribadeo FC; como tamén asociacións deportivas vinculadas ao fútbol, como son a Sociedade Deportiva Ribadeo e a Asociación de Veteranos; e de toda aquela xente que traballou, que xogou e que axudou ao Ribadeo FC a ser un club grande, cos seus altibaixos, coas súas categorías en postos máis altos ou máis baixos, pero sempre de maneira ininterrompida durante 100 anos. Fixeron posible que o nome de Ribadeo puidera andar por aí adiante, por moitos sitios, sempre con moita honra e con moito orgullo para o seu Concello”.

Suárez Barcia utiliza o dito “quen a seu pobo honra, merece a honra do pobo”, para sinalar que dende “o pobo quixemos facerlle unha homenaxe para este vindeiro 17 de agosto, o día en que se cumpre o centenario da constitución do Ribadeo Fútbol Club. Para iso, o Concello de Ribadeo, dunha maneira extraordinaria, xa leva uns días traballando, xa de feito celebrou un pleno este venres pasado, para proseguir nos trámites de concesión da medalla de ouro da corporación ao Ribadeo FC. A entrega terá lugar nun pleno, en acto solemne, o vindeiro sábado ás 11 da mañá. En definitiva, o que queremos facer con todo isto é socializar todo estes actos, convidar á xente e ós veciños da comarca a que acudan a estes actos que estamos presentando, sobre todo, a este partido que 100 anos despois volverá a enfrontar dunha maneira amigable, dende logo, ao Luarca e ao Ribadeo, os dous equipos que iniciaron a súa andaina 100 anos atrás”.

No acto participou o actual presidente do club, Víctor López, que agradeceu “a toda aquela xente que, dunha forma ou doutra, fai posible que se celebre este primeiro centenario do Ribadeo FC o próximo día 17 de agosto. En primeiro lugar ao Concello; á Asociación Deportiva de Veteranos do Ribadeo FC; á Sociedade Deportiva Ribadeo; a Pulpeiro, ex presidente do club; e ao Ribadeo FC”. Tamén animou a “toda esa xente, amigos e amigas, persoas que dalgunha forma están ou estiveron vinculadas ó Ribadeo, a que participen nas actividades que se realizarán o vindeiro sábado”.

Foi López o encargado de explicar os actos, que “empezarán ás 10:00 horas cunha misa no santuario da Virxe de Vilaselán, patroa do Ribadeo FC. A continuación teremos no salón de plenos do Concello o recibimento do alcalde e de toda a corporación, onde será entregada a medalla de ouro, pola que xa adianto as grazas ao alcalde. Máis tarde, ás 12:30 horas no Teatro de Ribadeo será o pregón a cargo de Pablo Ramón Fernández Asensio, que é o xefe de coordinación da Área do Mar en Celeiro (Viveiro). Acompañando ao pregoeiro tamén estaremos Moncho, Pulpeiro, o alcalde, Francisco (presidente da SD Ribadeo) e eu, e tamén se presentará o libro do centenario. Ás 14:30 horas celebraremos unha comida aberta a todo o mundo no hotel restaurante Voar, polo prezo de 25 euros e a retirada de tarxetas é no propio restaurante ata o venres. Por último, ás 19:00 horas teremos o partido entre o Luarca Club de Fútbol e o Ribadeo FC, recordando tamén ese partido de hai 100 anos”.

O actual presidente quixo tamén “agradecer publicamente a colaboración que sempre nos presta o Luarca, porque tamén estivo aquí no 50 e 75 aniversario do Ribadeo FC” e comentou que lle gustaría que “houbera moita xente, a presenza de afeccionados e afeccionadas, colaboradores, xogadores, directivos, etcétera, neste acto, que é un orgullo para nosoutros e para min como presidente no centenario do Ribadeo FC”. José Pulpeiro, anterior presidente do club, gabou o traballo de todas as directivas do Ribadeo FC e destacou que “por sorte dende esa fundación ata agora houbo xente e continúa en Víctor, con esa nova directiva. Eu estou orgulloso de estar 29 anos dirixíndoo e de que agora teña esta continuidade”.

Na presentación tamén estiveron o presidente da Asociación de Veteranos do Ribadeo FC, Moncho Fernández-Reinante, e Javier Alonso, directivo da SD Ribadeo.