O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “para estes días relacionados coa data do Día de Todos os Santos e de Defuntos, acabamos de emitir un Bando onde ampliamos o horario de apertura do cemiterio desde este xoves, 29 de outubro, ata o luns 2 de novembro das nove da mañá ás sete da tarde”.

O rexedor pregou que “na medida do posible, as visitas destinadas a labores para limpar ou arranxar nichos ou tumbas, que se vaian facendo nos días previos a este 1 de novembro. Recomendamos que as familias espacien no tempo as súas visitas e que as mesmas se limiten ao mínimo tempo indispensable para intentar evitar aglomeracións”.

Suárez Barcia subliñou que “dispuxemos un circuíto diferenciado de entrada e outro de saída, entrando pola porta principal do cemiterio e saíndo pola porta que dá cara ao aparcadoiro. Tamén informamos que os aseos públicos están pechados”.

O alcalde ribadense engadiu: “pedimos e indicamos que vai ser obrigatorio cumprir con todas as medidas de protección persoal como o uso da máscara e o distanciamento de seguridade, e as limitacións no que son as agrupacións de persoas de acordo con todas as normas sanitarias vixentes”.