A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio admitiu a trámite algunhas das alegacións presentadas polo Concello ao Catálogo de Paisaxes de Galicia. Así o acaba de comunicar a Xunta de Galicia no escrito remitido ao Concello, no que se estiman e se inclúen os miradoiros do Cargadoiro e de Santa Cruz no devandito catálogo, así como as antigas cetáreas de Rinlo e o paseo de As Aceas como Lugares de Especial Interese Paisaxístico.

Na contestación remitida ao Concello a Xunta informa que “Penafurada xa está incluído como Lugar de Especial Interese Paisaxístico (LEIP)” e que os castros catalogados no PXOM de Ribadeo xa están incluídos no catálogo “ao formar parte do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia”.

Sobre a inclusión de A Illa Pancha no catálogo sinalan que ese espazo “xa está incluído como LEIP e como Área de Especial Interese Paisaxístico ao ser un espazo de interese paisaxístico dentro do Plan de Ordenación do Litoral, polo que pode entender estimada a súa alegación”.

E no capítulo referido ás erratas indican que “se estima a alegación, e procédese a modificar as erratas sinaladas na cartografía. O nome Ría do Eo non fai referencia á ría senón a un lugar xeolóxico de interese que o Instituto Geológico y Minero de España (IGME) nomeou así. Así mesmo cambiouse o formato da lenda para evitar confusións”.