O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “en tempo e forma presentamos unha serie de alegacións e suxerencias no período de exposición pública para corrixir os erros que vimos”.

No documento remitido á Consellería recóllese que “hai unha serie de elementos paisaxísticos que non atopamos nos catálogos e que nos parecen interesantes como son o Faro da Illa Pancha, o miradoiro do Cargadoiro, o miradoiro de Santa Cruz, as antigas cetáreas de Rinlo, o paseo das Aceas ou o lugar de Penafurada. Tamén consideramos que deberían aparecer os castros que temos catalogados no PXOM de Ribadeo”.

Desde o Concello ribadense tamén se fai alusión aos erros atopados no Catálogo de Paisaxes de Galicia: “aparece a denominación de Faro e Casa de Obras Pública na avenida Comandante Deano, cando non existe en Ribadeo ningunha avenida con ese nome nin ningunha casa destacable de Obras Públicas, e o faro debe colocarse na súa situación na Illa Pancha. Non existe ningunha ría do Eo, o nome oficial é Ría de Ribadeo”.

No escrito engaden: “non se reflexa a lenda do relevo e hidrografía, aparece o encoro de Belesar, o río Miño e o Alto do Boi, cando ningún destes lugares está nesta área paisaxística. E aparece delimitada un área prioritaria moi importante no municipio de Ribadeo, e non sabemos qué significa, porque as características son moi diferentes nun ámbito de actuación tan grande”.