O alcalde manifestou que “dende o Concello cursamos petición para tratar de que se nos permitira prestar declaración por vídeo conferencia dende algún dos xulgados de aquí en Mondoñedo ou en Lugo, pero dixéronos que non, que era mellor que foramos”. Suárez Barcia dixo: “supoño que será para ratificar as preguntas que xa nos fixeron en agosto pasado dende aquela comisión xudicial desprazada a Ribadeo, porque realmente nin eu nin o xefe da Policía temos nada novo que engadir”.

Suárez Barcia subliñou: “simplemente dicir o que xa manifestamos no seu momento, que por outra banda xa fora o mesmo que lles dixemos aos innumerables medios de comunicación hai máis dun ano cando Ribadeo foi noticia”.
O alcalde lembrou que “nos últimos tempos declinei amablemente moitas invitacións de diferentes medios de comunicación de ámbito estatal e galego porque realmente xa non temos máis que engadir ao que se dixo naquel momento e o meu encontro con Francisco Nicolás non foi de máis de cinco ou sete minutos. Ademais todas as anécdotas daquel momento xa foron perfectamente ventiladas en todos os medios de comunicación”.

Suárez Barcia sinalou que “mañá estaremos alí para prestar a declaración da ratificación e do que nos queiran preguntar”.