Desde a Concellaría de Igualdade “queremos amosar o noso apoio e solidariedade coas mobilizacións que terán lugar o vindeiro sábado, 9 de setembro, en apoio a Juana Rivas, vítima da violencia machista á quen lle veñen de outorgar os fillos ao maltratador”.

Neste departamento sinalan que “o feminismo galego da man da Marcha Mundial das Mulleres e da Plataforma Feminista Galega resposta ao  chamamento realizado a nivel estatal, en apoio a Juana Rivas convocando manifestacións nas cidades o 9 de setembro ás 19.00 horas. A reivindicación central xira arredor da situación das menores fillas de entornas violentas ou nais vítimas de violencia de xénero”.

E engaden que “Juana viuse obrigada a entregar aos seus fillos, sendo condenada por un delito de retención ilícita de menores por parte dunha xustiza que non atopa ningún outro tipo de medida cautelar para unha nai que só intentou protexer, por enriba de todo, aos seus nenos das mans dun maltratador. Non é xusto nin minimamente beneficioso para unha crianza ter que medrar baixo a custodia dun home maltratador, independentemente de que existan vínculos xenéticos ou xurídicos. No momento no que perigan vidas, é preciso pararse e reflexionar, loitar e reivindicar”.

Desde a Concellaría de Igualdade manifestan que “a pesar de que a recente modificación da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia Machista, recoñece tamén as crianzas das mulleres sometidas a violencia machista por parte das parellas como vítimas de dita violencia, aínda non se teñen articulado as correspondentes medidas que impidan aos homes maltratadores seguir tendo a tutela e a patria potestade de ditas crianzas, menores que tiveron que convivir vendo como os seus pais maltrataban, vexaban, insultaban, humillaban e golpeaban as súas nais, a pesar do cal se supón, que deben estar dispostos a ter un réxime de visitas ou incluso de convivencia con dito maltratador”.

E subliñan que “vinteseis crianzas foron asasinadas polos seus pais maltratadores mentras cumprían un réxime de visitas imposto dende os Xulgados e na Galiza no ano 2015 deuse o caso de David Oubel en Moraña que asasinou as súas fillas Amaia e Candela, despois de ter chamado á nai das nenas para dicirlle que pensaba matalas para vingarse dela. Neste ano en maio en Oza-Cesuras un pai maltratador con varias condenas enriba e orde de afastamento da nai asasinou ao fillo de 11 anos,  cando cumpría un réxime de visitas imposto dende os Xulgados. E no estado, casos como Ángela González Carreño, após o asasinato da súa filla Andrea, reclamou ante os Tribunais da Xustiza Española, pero ningún deles recoñeceu fallos nos organismos do Estado que tiñan intervido. Foi Nacións Unidas, a través do Comité para Eliminar a Discriminación contra as Mulleres, quen condenara no 2014 ao Estado Español polo asasinato de Andrea. Nacións Unidas, no seu dictame, conminou ao Poder Lexislativo, ao Executivo e ao Xudicial a tomar medidas concretas para evitar que un caso como o de Andrea volvera a producirse. O Goberno lonxe de aceitar estas recomendacións, limitouse a afirmar que as resolucións de Nacións Unidas non son vinculantes”.

En Igualdade seguen a relatar que “estas mobilizacións teñen como fin esixir ás institucións do Estado que actúen de maneira contundente e eficaz ante as violencias machistas e tomen medidas eficaces, senón  seguirán a ser cómplices desta violencia e responsables  indirectas  destas mortes”.