O rexedor de Ribadeo referíuse hoxe “a esas filtracións que están dando a volta ao mundo a través dunha web chamada Wikileaeks, onde se fixo pública moita documentación dos servizos secretos das embaixas dos Estados Unidos, con respecto ao Estado español eu estou indignado e sorprendido como cidadán máis que como alcalde do que era unha intuición e que ven de revelarse como algo veraz e real. Segundo esas revelacións o goberno do Estado tentaba dar instruccións ao poder xudicial para que arquivasen o caso do cámara José Couso, que tiña unha vinculación familiar moi importante con Ribadeo”.

Fernando Suárez lembrou que “xa daquela cando a guerra do Irak houbo manifestacións en Ribadeo, pedíanse investigación e xustiza sen que o goberno do Estado fixera grandes esforzos para lograr que a xustiza triunfe por enriba de calquera outra cousa e por enriba incluso das relacións internacionais entre estados soberanos e independentes. Chama a atención que todos nos damos conta de que á familia lle asistía a razón, que era unha acción militar na que o goberno do Estado non quixo profundizar e fixo todas cantas presións puido para arquivar o caso”. O rexedor manifestou que “como alcalde quero seguir apoiando á familia nesta situación actual de pedir as aclaracións ou responsabilidades a que houbera lugar por este trato desigual a un cidadán que foi asasinado por un acto claro de guerra, aquí non caben medias tintas”.

Suárez Barcia transmítelle “desde o Concello o apoio, o afecto e o cariño á familia do cámara falecido por un ataque militar en Irak e ao mesmo tempo animalos a que sigan tentando clarexar o asunto e que se faga xustiza con este brutal asasinato”.