O rexedor dixo: “compre pararse un chisquiño e evidenciar a importancia de todo este traballo que levamos desenvolvendo estes anos de cara á rehabilitación tanto do conxunto histórico do casco vello de Ribadeo como tamén, desde hai uns anos, do conxunto histórico do casco vello de Rinlo. De aí esta nova noticia destes novos convenios para as dúas áreas de rehabilitación integral para o novo Plan de Vivenda 2018-2021 entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e máis o Concello de Ribadeo”.

Suárez Barcia manifestou que “eu non sei se somos o Concello que vai dispoñer de máis recursos, pero se non somos o que máis seremos dos máis, incluso moi superiores a outros concellos que teñen moita máis poboación que Ribadeo. Digo isto porque aos 370.000 euros que vai aportar o Ministerio de Fomento para rehabilitación de vivendas e de espazos públicos e para subvencionar os equipos técnicos do Concello, temos que sumar os 134.000 euros da Xunta de Galicia para rehabilitación de vivendas e para equipos técnicos. A Xunta neste caso non dá achegas para espazos públicos”.

O alcalde indicou “xunto coa achega que o Concello vai ter que destinar para complementar a rehabilitación de espazos públicos, entendo que vai ser un plan moi ambicioso para todos os puntos de vista, para a rehabilitación de vivendas, aínda non sabemos o número exacto que se llevan asignar a Ribadeo e a Rinlo, como tamén para a rehabilitación de espazos públicos”.

Fernando Suárez sinalou “este traballo está baseado nun traballo sistemático en tres polos de acción: o técnico, o político e o social. No técnico polo traballo importante dos técnicos municipais de asesoramento e de animación a que se rehabilite. Tamén pola redacción dos proxectos que fan importantes, e pola resolución administrativa para que todo se xustifique en tempo e en prazo, e que todo o mundo poida concluír os seus obxectivos”.

O rexedor de Ribadeo engadiu que “por outra banda está a cuestión política do goberno municipal de Ribadeo, pola determinación que queremos para que Ribadeo sexa un espello onde se poida mirar a xente. Creo que quen se dea unha volta polo casco vello de Ribadeo verá o número de obras en rehabilitación continua, o número de pequenas e medianas empresas, e de autónomos, en traballos de reforma e rehabilitación sistemática ano tras ano, e que hai máis obras no casco vello de Ribadeo que na totalidade dalgúns concellos non moi lonxanos a nós, a día de hoxe. Todo isto sen facer zarapalladas urbanísticas, senón todo o contrario, intentando dignificar a nosa historia, intentando dignificar os cascos vellos e intentando paseniño enchelos de vida outra vez”.

Fernando Suárez seguiu a relatar que “ao mesmo tempo outro polo importante é o polo social. Refírome á resposta da xente, á resposta dos propietarios. Algunhas veces, hai tempo, case presionados polo Concello, pero hoxe en día practicamente todas as subvencións que se ofertan desde o casco vello se cobren, e se compren os obxectivos. Hai que ter en conta que tanto nas áreas de Ribadeo como de Rinlo se foron executando obras de rehabilitación e urbanización cumprindo practicamente o cen por cen dos obxectivos que foron asignados nos convenios anteriores. De aí que agora estes novos, que vai ser o décimo terceiro de Ribadeo e o sexto de Rinlo, traerán un montón de posibilidades para os seguintes exercicios 2019, 2020 e 2021, que é o ámbito temporal deste novo plan de vivenda 2018-2021”.