O rexedor contou que “nestes días estamos procedendo ao pagamento das subvencións por rehabilitación de vivendas do casco vello de Ribadeo. Neste caso son dez expedientes que corresponden ao décimo convenio entre o Concello, a Xunta e a administración central. Tamén nestes días estamos certificando aquelas correspondentes ao décimo primeiro convenio. En definitiva estas que acabamos de pagar agora mesmo son dez por un importe total de 100.000 euros e denota o funcionamento normal dunha administración que non debera ser novidade”. 

Suárez Barcia dixo: “pero eu quero destacar que a novidade é que se sigue rehabilitando, que todo vai funcionando moi ben no casco vello, que se seguen pedindo día a día licencias de obra atendendo a requerimentos que desde a Oficina Técnica Municipal se lle fan aos propietarios de vivendas que están nun estado de conservación que non é o axeitado porque non teñen a seguridade, a salubridade ou o ornato público debidos e que legalmente se lle require a todo propietario. Entón moitos deles se acollen a subvencións e agora a administración que por unha banda require e esixe, tamén por outra banda colabora”.

O alcalde ribadense sinalou que “é unha honra sobre todo pola riqueza que xera en Ribadeo e non me refiro porque paguen o imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) ao Concello de Ribadeo, senón pola riqueza que xera nos pequenos e medianos construtores, nos contratistas e nos autónomos que están traballando en todo o casco vello de Ribadeo”.

Segundo Fernando Suárez “a día de hoxe debe de haber tanta obra no casco vello de Ribadeo como en dous ou tres concellos xuntos de toda A Mariña, e isto é resultado ordinario dun traballo sistemático destes últimos anos, que está indo ben pero que temos que seguir mellorando e que temos que seguir intensificando”.