No edificio, casa natal do poeta ribadense José Alonso Trelles, emigrado a Uruguai, habilitaranse e poranse en valor espazos pensados para preservar os fondos bibliográficos doados polo dramaturgo Daniel Cortezón, para o desenvolvemento de diversas actividades culturais, e como sala de exposicións onde se albergarán as figuras orixinais dos cabezudos.

Otero Cabarcos dixo que “o acondicionamento do edificio supón que tanto a Área de Cultura como os distintos colectivos socioculturais conten cun espazo adecuado para desenvolver a súa actividade en condicións dignas. Ademais o feito de habilitar un espazo como sala de exposicións, de seguro axudará a dinamizar o uso deste lugar en particular e da área do centro histórico en xeral”.

Maite Ferreiro explicou que “a implicación neste proxecto responde a aposta que facemos desde a área de Cultura para  dinamizar a actividade cultural e mellorar as condicións en que as asociacións de base desenvolven o seu labor. Neste caso, trátase ademais dun edificio que, ademais do seu valor funcional, ten un valor patrimonial xa que forma parte do casco histórico”.

A concelleira de Cultura agradece o apoio da Área de Cultura da Deputación, que destina 20.000 euros á reforma da Casa do Viejo Pancho, “xa que non sería posible asumir o custe destas obras sen a súa axuda directa”.