O concelleiro de Mocidade e Sociedade da Información, Xavier Campos, asegura que a presentación de Sonda Norte non serviu para inaugurar a Casa das Algas. O edil nacionalista subliñou que o Concello están nun proceso de definición dos usos que poderán ter esas instalacións e que pasarán pola posta en valor da ría de Ribadeo e do seu entorno. Xavier Campos recalcou que Sonda Norte é un colectivo cultural centrado na xente nova de Ribadeo, que precisaba dun apoio específico, un proxecto no que colaboran as Concellarías de Mocidade e Cultura.

Campos lembrou que “este sábado presentamos unha iniciativa nova, a creación dun colectivo cultural centrado na xente nova de Ribadeo, que se chama Sonda Norte. Entendemos que desde hai anos todo o importante dinamismo cultural que ten Ribadeo está sendo apoiado desde o ámbito da Concellaría de Cultura e tamén que unha serie de colectivos e de axentes que veñen traballando desde hai moitos anos na cultura de Ribadeo son merecentes de todo o apoio que desde o propio Concello se lles pode dar”. O edil de Mocidade engadiu que “tamén viamos que quizáis o ámbito da xente máis  nova precisaba dun apoio máis específico e aí é onde xurde esta iniciativa que parte da Concellaría de Mocidade en colaboración coa de Cultura, centrada na visibilidade da creación dos mozos e mozas de Ribadeo”.

Xavier Campos dixo que “a presentación do sábado tivo lugar na Casa das Algas, na rehabilitada fábrica de algas da Vilavella. Non foi en ningún caso unha inauguración dese espazo nin moito menos, ese espazo será inaugurado nun futuro dentro duns meses. Agora mesmo o Concello está nun proceso de definición de cales serán os usos finais que terá a Casa das Algas, pero que en calquera caso estarán centrados, con toda seguridade, na posta en valor do que é a ría de Ribadeo e o seu entorno paisaxístico e medio ambiental  tanto para os veciños e veciñas de Ribadeo como para os que no visiten a todos os niveis, histórico, socioeconómico, medioambiental, etc”.