O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “desde o Concello de Ribadeo, non só o goberno senón a Corporación Municipal enteira, somos conscientes da pésima situación na que se atopa o sector agrogandeiro de todo o país, da nosa comarca e do noso concello”.

O rexedor lembrou que “hai poucos días tivemos unha xuntanza aquí en Ribadeo varios alcaldes da comarca cos sindicatos agrarios e acordamos unha serie de medidas a adoptar e unha delas foi a que acabamos de facer agora aquí en Ribadeo. Como alcalde e no nome da Corporación lle enviamos unha comunicación a todo sector da distribución, é dicir a todos os supermercados e centros comerciais no senso de recoñecer o importante papel que xogan as cadeas de distribución no que ten que ver co abastecemento de alimentos á poboación, pero tamén de pedirlles que, sobre todo co leite, non aproveiten este produto para establecelo como reclamo e que o vendan por baixo do custo do producción”. Suárez Barcia considera que “esa actitude lle está a facer moito mal a este sector fundamental do noso país, que estivo e que está a ir a menos, atópase nun punto que de seguir así durante pouco tempo máis chegará a un momento de non retorno”.

O que se lles pide “é que se establezan os prezos de venda acorde co custo de producción, que permitan manter no noso territorio todas as fases da cadea produtiva e de comercialización, que permita xerar riqueza en todos os procesos e garantir o tecido social económicamente sostible. Cremos que éste será o mellor xeito de contribuir a un futuro máis próspero para a nosa comarca e para o noso país e para estas propias áreas comerciais”.