O alcalde, Fernando Suárez, recibiu unha carta da Xunta na que a administración galega mantén a mesma oferta para financiar a construción dunha residencia da terceira idade en Ribadeo e na que asegura que en todo caso valorará a posibilidade de participar no financiamento do equipamento, unha vez que a obra estea lista. A cifra que xa lle adiantara á comisión hai unhas semanas a conselleira de Benestar, Beatriz Mato, é de 500.000 euros en dúas anualidades.

O rexedor valora de forma positiva a achega da Xunta, aínda que considera que debería ser maior, “porque é precisamente o goberno galego quen ten as competencias reais en materia de residencias de maiores”.

Fernando Suárez reunirase en breve coa comisión pro residencia de maiores en Ribadeo “co obxectivo de analizar os pasos a seguir a partires de agora para conseguir unha instalación que é moi necesaria para a nosa xente. Non queremos que os nosos maiores teñan que pasar os seus últimos días separados da súa vila, da súa familia, dos seus amigos”.