O rexedor sinalou que “as persoas que somos escollidas polo pobo temos que facer o que se espera de nós. Eu sei que se espera de nós que amañemos cousas pequenas, que tapemos os baches, que fagamos actividades de todo tipo, etc, pero tamén se espera de nós que defendamos as cuestións básicas: a sanidade, os servizos sociais e a educación. E mais nun momento no que todo está en revisión e se está a precarizar para que haxa dúas liñas: os que teñen diñeiro e poden chegar a todo iso e os que non teñen cartos e deben poñerse á cola e agardar a que poida escampar”.

Suárez Barcia dixo que “no día de hoxe lle acabamos de enviar unha carta á conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, para protestar enerxicamente pola decisión do seu departamento de eliminar unha praza de médico en Ribadeo. Si Ribadeo hai anos e con menos poboación xa contaba con 8 médicos, agora con todo o aumento de poboación empadroada e desprazada non existe un argumento obxectivo sanitario para que só poida contar 7”. O alcalde de Ribadeo asegurou que “non nos valen as explicacións técnicas de que as ratios de pacientes por médicos son 1.200 ou 1.500 ou as que sexan. Esas ratios non están aprobadas en ningún lado e cada un pode dicir o que lle veña en gana. A nosa misión como alcalde, como Corporación Municipal, como goberno é defender os sectores básicos e a sanidade é un sector fundamental”.

Fernández Suárez tamén se referiu á xuntanza que manterá esta tarde en Santiago de Compostela a comisión pro residencia de maiores en Ribadeo coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. O rexedor lembrou que “levamos anos de loita ata conseguir o obxectivo que é a posibilidade de ter unha nova residencia de maiores en Ribadeo, que veña reforzar ao Hospital Asilo, pero que nin de lonxe é suficiente para a demanda que hai de xente maior necesitada”.

O alcalde ribadense engadiu que “hoxe se cumpre o prazo de tres meses no que quedaramos para que a conselleira buscara e rebuscara si había maneira posible económica de poñer diñeiro enriba da mesa para apoiar, achegar e adxuntar aos fondos que a Deputación Provincial de Lugo se ten comprometido a aportar xunto cos fondos que o Concello, a pesares da situación mala que estamos a vivir, ten tamén pensado aportar ao proxecto de construción dunha nova residencia”.

Suárez Barcia subliñou que “se fai importante ou practicamente capital que a Consellería de Traballo e Benestar poña unha parte dos fondos desa obra, porque quen ten as competencias é a Xunta de Galicia e a cidadanía vería moi mal que quen ten esas competencias non puxera nin un só céntimo para a construción do edificio”.

O rexedor agarda que “o día de hoxe, moi importante desde o punto de vista sanitario e desde o punto de vista dos servizos sociais e de atención ás persoas maiores, sexa unha boa xornada e que a partires de hoxe tanto na Consellería de Sanidade coma na de Benestar tomen conciencia de que o que lles estamos a dicir aquí non só sae por boca do alcalde senón que o dicimos por boca de todos os veciños e veciñas deste concello. Queremos unha sanidade pública, de calidade e non precaria e queremos unha atención dos nosos maiores aquí en Ribadeo e non a dúas ou tres horas de camiño, como lles ocorre a moitos dos nosos maiores que teñen que ir pasar os seus últimos días a residencias lonxanas como Chantada, Monforte, etc, etc”.