O rexedor dixo: “outro día máis, e agora a escasos oito días de que empece realmente a campaña de verán aquí en Ribadeo e na comarca da Mariña, cunha preocupación enorme porque vexo que hai unha situación de absoluto capricho por parte dos responsables da Xunta en levar desta maneira tan desafortunada como o están a facer a xestión medio ambiental e turística deste reclamo económico importantísimo que é a praia das Catedrais”.

Suárez Barcia sinalou que “polo que estamos a ver, polo que estamos a sufrir e polas ducias e ducias de correos electrónicos e de chamadas, que nos últimos días estamos a recibir desde diferentes partes de Galicia, do Estado e do mundo, está levando á desesperación a moitos potenciais visitantes doutras latitudes. A xente non sabe nada, non entende o modo de acceso á praia das Catedrais e hailles que deletrear a páxina web onde teoricamente teñen que rexistrarse para pedir autorización administrativa e logo non saben si Xunta se escribe con x, con g ou con j”.

Ao rexedor ribadense todo isto parécelle “un despropósito, sobre todo porque desde a propia Xunta agora están a dicir que non van poñer ningún problema para que a xente veña. É dicir están a pagar unha campaña millonaria para dicirlle ao mundo enteiro que hai que pedir unha autorización administrativa, telemática, pero ao mesmo tempo din que non haberá problema para acceder ao areal. É dicir que a xente que sexa intrépida e que veña si ou si poderá entrar e aquela que se asuste porque sabe que hai unha liorta monumental alí montada por estas peticións telemáticas, que non saben moi ben nin como son, que están a improvisar todos os días…pois esa xente deixará de vir”.

Sobre os últimos acontecementos relativos á praia das Catedrais Fernando Suárez manifesta que “agora mesmo desde a Xunta din que as persoas que durman en Ribadeo non terán ningún problema para acceder a As Catedrais e entón eu pregúntolles e a xente que durma noutros puntos da Mariña ¿vai ter entrada ou non vai ter entrada? E os que non dormen en Ribadeo e só veñen comer ou comprar á hostalería e ao comercio ¿eses van ter entrada automática ou non? E os milleiros de persoas que chegan e admiran esta marabilla natural e preguntan a posteriori onde ir, qué facer, onde comer… desesperados polo complexo sistema para acceder si xa non veñen e cambian o noso destino por outros máis cómodos nunca poderán xantar, nunca poderán mercar ou nunca poderán durmir en Ribadeo e todo isto sen que logremos conservar o que estamos querendo conservar, dado que os centos e centos de persoas vai ser inevitable que sigan a andar por enriba dos cantís, con perigo para súa integridade física, e con degradación do medio ambiente. E a Xunta aí é incapaz. Nestes últimos días está afogada buscando aparcamentos, cando nin sequera foi quen de facernos o carreiro de acceso para evitar o tránsito dos peóns a través da estrada provincial. Pedímosllo hai seis meses e aínda hoxe non o fixeron”.

O alcalde de Ribadeo ven de enviarlles cartas a preto dunha trintena de rexedores da Mariña luguesa e do Occidente asturiano “ara explicarlles que o que está a pasar en Ribadeo é un despropósito, que non é por unha cuestión de localismos entre o alcalde e a Xunta, que non é por unha cuestión de política porque as eleccións xa pasaron hai un mes e agora ata dentro de catro anos non hai outras, que non se trata diso. Trátase de que están contribuíndo a diluírnos, están contribuíndo a que moita xente deixe de vir aquí á praia das Catedrais, co reclamo de que hai que conservar o medio ambiente, pero que non vai ser efectivamente así”. Fernando Suárez engade que “o que lles pedimos a estes alcaldes, con maior ou con menor intensidade, pero con todo o respecto e como xefe de boa veciñanza, é que lle digan os galegos ao goberno galego dunha maneira activa que non pode actuar deste xeito e aos asturianos, como xeito de boa veciñanza, porque hai moita xente que ven ao Occidente de Asturias, tal e como nos comentan os nosos colegas… e que unha vez que ven os reclamos que teñen por alí, inmediatamente despois preguntan como hai que facer para ir á praia das Catedrais”.

O rexedor ribadense subliña que “é un asunto que nos afecta a todos e pido o apoio de todos os alcaldes da Mariña e do Occidente asturiano e da opinión pública destas dúas comarcas”.