O Concello ven de enviarlle unha carta á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, pregándolle que remova os obstáculos que poidan existir para que os veciños e as veciñas de Ribadeo poidan ver cumprido o obxectivo de contar cunha residencia de maiores nos prazos e cantidades económicas comprometidas por todos.

A carta que asinan o portavoz da plataforma veciñal, os portavoces dos grupos políticos no Concello, a concelleira de Servizos Sociais e o alcalde di así: “Como ben lembrará, en outubro de 2013 enviounos a proposta da Consellería que vostede dirixe para manifestarnos o apoio na medida das súas posibilidades para a construción da futura Residencia de Maiores de Ribadeo. Nese escrito, froito da petición unánime de todas as formacións políticas e asociacións veciñais do municipio, comprometíase a apoiar parte do finanzamento da obra significando 200.000 euros para este ano 2014 e 300.000 euros para o vindeiro ano 2015. Ademais, nese documento expúñanse unhas liñas de actuación, entre elas, a entrega dun plan de viabilidade para o mantemento futuro das instalacións”.

Na carta remitida hoxe sinalan que “como tamén ben saberá, toda esa documentación xa lle foi remitida o 20 de decembro de 2013 sen que até o momento teñamos recibido a máis nimia resposta. Debo asemade indicarlle, que pola Deputación de Lugo foi axilmente resolto xa a finais de 2013 un procedemento similar e coa singularidade de que a cantidade económica conveniada foi sensiblemente máis elevada, uns 1.823.000 euros”.

A comisión pro residencia de maiores en Ribadeo engade que “dirixímonos polo tanto a vostede de novo, porque a obra, aínda que está en proceso de licitación dentro dos seus prazos, é o Concello quen de xeito temporal e transitorio se viu obrigado a subrogarse nas cantidades que a Xunta se comprometeu, e so na medida en que neste primeiro ano unha parte importante do financiamento recaerá sobre a Deputación, pois doutro xeito non poderíamos estar a licitar as obras de construción da Residencia, xa que o exiguo orzamento municipal non ten en ningún caso a capacidade nin a posibilidade de asumir os compromisos propios e os da administración que vostede representa. Tal e como no seu escrito de outubro indicaba, compre polo tanto asinar canto antes o oportuno convenio entre a Xunta e máis o Concello de Ribadeo, pois se se demora moito máis dificilmente se han poder xustificar neste exercicio eses 200.000 euros a que vostede facía referencia”.

O escrito enviado á conselleira Beatriz Mato remata: “por todo o anterior pregámoslle encarecidamente que dea as instrucións precisas ou remova os obstáculos que poidan existir para que os veciños e veciñas deste Concello poidan ver cumprido este obxectivo nos prazos e cantidades económicas comprometidas por todos, tamén coa súa Consellería”.

Asinan a carta: José Mª Rodríguez, Agustín Reimóndez, Eduardo Gutiérrez, Manuel Valín, Teresa González e Fernando Suárez.