O rexedor sinalou que “a pasada tarde a empresa que leva o subministro de auga potable a Ribadeo comunicounos formalmente que no punto de captación de auga potable que temos no río Grande, á altura de Lexoso, os aportes que trae a auga río arriba e que xa en anteriores ocasión supuxeron advertencias, chamadas de atención e denuncias diante da Xunta, de Augas de Galicia e de Control de Vertidos polos posibles lisiviados que alguén río arriba no concello veciño está a realizar, no caso que nos ocupa na tarde de onte xa os límites excederon o que marcan os parámetros das normativas legais e vixentes neste momento”.

Suárez Barcia dixo que “a primeira hora da mañá indicamos a través dun bando, tal e como marca a norma, para as parroquias afectadas que teñen o servizo de auga potable municipal desde Lexoso: Covelas, Arante e Cedofeita, que non utilizaran a auga para consumo humano e alimentario. E hai unha hora, este mediodía, a propia concesionaria da auga, unha vez feitas as analíticas correspondentes, indica que os parámetros están en termos legais, adaptados á normativa e que pode proceder ao consumo de auga con normalidade”. Por este motivo o alcalde de Ribadeo asinou un novo bando levantando a restrición anterior.

O rexedor indicou que “nestes últimos meses desde o Concello de Ribadeo escrupulosamente estamos notificando e comunicando o que a lei marca, tanto diante do organismo competente que é Augas de Galicia, diante de Control de Vertidos ou diante de calquera autoridade sanitaria con competencia na materia. O Concello de Ribadeo, a través da empresa concesionaria, é o encargado de clorar a auga e de que cumpra os parámetros normais que marcan as normativas, pero non é responsable da calidade de auga que ven polo río arriba. De aí que xa en decembro lle temos comunicado formalmente a Augas de Galicia que estamos moi preocupados por esta situación destes vertidos que periodicamente se están a producir, sobre todo cando chove, e pedíndolles resposta e que medidas se están a adoptar. Estamos moi preocupados pola alarma que se está a crear na poboación”.

Fernando Suárez engadiu que “na vila de Ribadeo e nas parroquias que se subministran do río Eo non hai ningún problema, pero nas do interior non hai maneira máis que subministrar desde Lexoso, non hai outra alternativa. Queremos colaboración absoluta coa Xunta de Galicia, pero entendemos que se deben tomar medidas inmediatas para o cese deses vertidos ao río Grande, porque a tres quilómetros, en Ribadeo, hai un punto de captación de auga para consumo humano”.

Ribadeo conta con dúas captacións de auga: unha no río Eo no concello de Trabada, en Vilarbetote, e outra aquí en Lexoso, no concello ribadense.