O edil nacionalista explicou que “o Concello de Ribadeo fai unha chamada á colaboración dos donos das mascotas para que lembren a obriga de levalos sempre atados e para que recollan os excrementos de ditos animais das rúas, dos xardíns e dos parques públicos. Vaise intensificar a vixilancia coa colaboración da Policía Municipal en zonas que están moi castigadas por esta falta de civismo dalgúns propietarios dalgún can, entre elas podemos sinalar as rúas Rosalía de Castro, Leopoldo Calvo-Sotelo, Rafael Fernández Cardoso e Picarolas, entre outras”.

Díaz Freije contou que “detectamos e recibimos queixas veciñais por mor das mexadas dos cans en portais e nas entradas dalgúns locais comerciais. Pedimos de novo a máxima colaboración da veciñanza para que isto non se volva producir”.

E engadiu que “todo isto que estamos a pedir, que reiteramos outra vez por activa e por pasiva, é para que Ribadeo mellore día a día e para ter un Ribadeo máis limpo”.