Sesenta rapaces chegados de Murcia, La Rioja, País Vasco, Asturias ou Galicia participan no campus de balonmán que se desenvolve en Ribadeo ata o vindeiro domingo e no que se dan cita xogadores da selección española de balonmán. Con eles estiveron nas últimas horas o concelleiro de Deportes, David Rivas, e o técnico municipal de Deportes, Iván López.

Os rapaces están a combinar adestramentos nas instalacións deportivas de Ribadeo con outros na praia, ademais de facer visitas a areais ou paseos pola ría.

Onte, martes, visitou o campus Julen Aguinagalde, mellor pivote do mundo, internacional absoluto coa selección española de balonmán desde o 2006, foi campión do mundo en 2013 e subcampión de Europa en 2016. En Ribadeo estivo tamén Jota González, adestrador do Naturhouse La Rioja, da liga Asobal de balonmán e o seleccionador español de promesas.

E aquí seguen Gurutz Aguinagalde, porteiro do Naturhouse La Rioja, que debutou coa selección este mesmo ano. Gurutz é irmán de Julen. E Rubén Garabaya, pivote do Naturhouse La Rioja, internacional coa selección española, foi campión do mundo e bronce olímpico.