O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, contou que “o deporte non descansa no verán en Ribadeo. Si esta semana falabamos de ximnasia rítmica, hoxe facémolo de baloncesto. O noso pavillón acolleu unha das xornadas de adestramento do Campus Econvive de Baloncesto. O Concello colabora con esta actividade a través do CB Ría de Ribadeo”.

O edil ribadense explicou que “foron medio cento de nenas e de nenos os que puideron gozar da visita de Ángela Salvadores, xogadora profesional de baloncesto, recente campioa da Liga Feminina Endesa co Valencia Básket. Esta rapaza está a realizar adestramentos de pretempada en Ribadeo, antes de incorporarse como nova xogadora do Básket Landes, un equipo francés co que xogará a Euroliga. Salvadores xa destacou nas categorías inferiores da Selección Española con importantes actuacións e números de vértigo. Por poñer un exemplo, no 2019 foi elixida no  draft da WNBA polos Angeles Sparks”.

Silvent subliñou que “desde o Concello de Ribadeo cremos que a realización destes campus é moi importante debido aos valores que lles transmiten ás nenas e aos nenos. E a posibilidade de compartir unhas horas con xogadoras que son unha referencia, como é o caso de Ángela Salvadores, é un aliciente máis. Non podemos esquecernos da promoción que isto supón tamén para Ribadeo”.