David Rivas declarou que “o Concello sempre vai ser o primeiro interesado en acoller este tipo de eventos, dunha pola promoción deportiva que supoñen e doutra pola vida que lle dá a vila esa cantidade de xente durante eses días de competición”.

O concelleiro de Deportes explicou que “na reunión que se tivo coa organización solicitábasenos ao Concello o uso das instalacións máis unha cantidade de 5.000 euros, que desde o primeiro momento nos pareceu moi elevada. Nosoutros explicámoslle á organización que o Concello de Ribadeo polo uso das instalacións cobra unhas taxas, e que en ningún caso paga. Explicóuselles tamén que o Concello de Ribadeo xunto co Concello de Lugo son os únicos da provincia que teñen un plan estratéxico de subvencións pechado cando se aproban os presupostos, co cal ningunha área pode dispoñer dunha cantidade tan elevada dun día para outro”.

Rivas manifestou que “isto a nosoutros propúxosenos hai un par de semanas e o campionato vaise celebrar na primeira semana de maio, co cal tampouco había moito marxe de reacción. Si que é certo que pensamos que podía ser moi beneficioso para a vila, aínda a pesar de que coincidía con outro evento que está programado xa desde hai moitos meses que é a Heroican Race, que ten unha participación moi importante de xente e que o ano pasado ocuparon practicamente todas as prazas hoteleiras de Ribadeo. Aínda así parecíanos interesante”.

O edil nacionalista dixo que “entón o que se fixo foi propoñerlles non soamente deixalos exentos do pago das taxas, senón que se lles ofreceu unha cantidade que a nosoutros parecíanos máis que razoable que eran 2.000 euros, para o cal teríamos que facer unha modificación de creto e aprobala en pleno, pero a organización non aceptou”.

O concelleiro engadiu que “diante da imposibilidade de chegar a un acordo, quedamos emprazados tanto por unha banda como pola outra de, en caso de repetirse esta oportunidade o ano que ven ou o seguinte, planificar as cousas con máis tempo, poder contemplar eses cartos nos presupostos anuais e intentar levar adiante outro ano o que neste 2017 non foi posible”.