David Rivas dixo que “se o ano pasado recibíamos a María para celebrar con ela o Campionato de España conseguido coa Selección Galega xuvenil, hoxe triplicamos a celebración ao ter a 3 ribadenses na Selección Galega, desta vez na categoría sénior, para conseguir outro título de campioas de España. É para nós un enorme orgullo recibir neste salón de plenos a María, Andrea e Sofía despois de acadar algo tan importante para Ribadeo. Un concello pequeno, pero cunha variedade de disciplinas deportivas enorme. Esta diversidade deportiva que tanto nos gusta ten tamén o seu lado negativo, é máis doado que as nenas e nenos que queren practicar algún deporte se dispersen entre tanta oferta onde escoller. E aínda a pesar disto podemos presumir de aportar 3 xogadoras a un combinado galego campión de España por autonomías”.

Para o concelleiro de Deportes “isto pon en manifesto varias cuestións: por un lado, o bo traballo que está facendo o Ribadeo FS formando xogadoras desde categorías inferiores, con todas as dificultades que teñen no día a día os clubs modestos que manexan presupostos insignificantes. No caso concreto de Sofía, aínda que xa non pertence a este club e lle desexamos todo o éxito do mundo no seu novo equipo, un dos grandes do fútbol sala estatal, sí que entendemos que o aprendido aquí lle valeu para medrar como deportista ao ritmo que o está facendo. E por outro, a importancia de fomentar e apoiar o deporte feminino, onde particularmente en Ribadeo temos unha canteira excepcional da que poden saír grandes deportistas en varias disciplinas”.

O edil ribadense engadiu: “hoxe desde o Concello, queremos agradecervos o voso esforzo, o sacrificio, as horas de ocio que cambiades por horas de adestramento; ao fin e ao cabo, unha xuventude dedicada ao deporte. E a nosa forma de darvos as grazas é facendo este humilde acto, onde queremos deixar ben patente o orgullo que sentimos de todas vos, como ribadenses, e como galegos. Desexarvos que gocedes do momento, que esta etapa da vosa vida a recordaredes sempre, e que sigades adiante coa mesma ilusión e traballo que vos fixo chegar ata o caixón alto do podio o mes pasado”.

As campioas recibiron unhas estatuíñas en recoñecemento ao seu traballo e ao seu esforzo.