Suárez Barcia dixo: “trátase precisamente de aproveitar esta nova liña de axudas, que saíu publicada hai poucos días no Diario Oficial de Galicia e que ten que ver co Camiño Norte de Santiago, que afortunadamente pasa por Ribadeo. E se pode ter cousas ás veces un pouco restritivas, de conservación do patrimonio, etcétera, tamén ten outras positivas, como esta. Xa se botaba de menos porque facía tempo que non saían axudas para rehabilitar vivendas no ámbito das parroquias por onde pasa o Camiño Norte”.

O alcalde contou que “se outras veces falamos do casco vello de Ribadeo ou tamén do de Rinlo agora queremos centrarnos tamén nas parroquias de Ove, Arante, Covelas e de Cedofeita así como unha parte urbana de Ribadeo, singularmente nas rúas Deputación e San Lázaro, onde tamén os propietarios de inmobles poden beneficiarse dunhas axudas para rehabilitación que seguen a tónica das outras que anunciamos hai poucos días para o casco vello. É dicir, cunha subvención de ata un 35 por cento de toda a obra, sen o IVE, e cun límite máximo de 11.000 euros por actuación”.

O rexedor ribadense engadiu que “polo tanto estamos enviando unha carta a cada vivenda destes ámbitos destas parroquias e todas as persoas que queiran máis información que pasen pola oficina municipal de rehabilitación, que está na Casa do Concello, para que lles poidamos dar maior información e para que aproveiten, se queren facer algunha actuación, porque isto supoño en calquera momento, cando a Xunta vexa que o número de solicitudes supera a consignación económica poderán pechalo. Ou sexa que se están pensando en rehabilitar que veñan pedir información canto antes”.