A edil nacionalista anunciou que “dende o día de onte contamos en Ribadeo co servizo da cadeira anfibia para que poidan facer uso dela todas aquelas persoas que o precisen. Estará situada na praia de Esteiro por accesibilidade do terreo e tamén porque dende alí podemos dar cobertura ao resto de praias. Tamén plantexamos a posibilidade de alternar a ubicación coa praia urbana dos Bloques se houbera demanda”.

Paz Ermida manifestou que “as condicións de uso estarán reguladas pola normativa correspondente. Estará supervisada sempre por persoal do equipo de salvamento e sanitario das praias e estará suxeito, como é lóxico, tanto ao estado das mareas como aos aspectos meteorolóxicos”.

A concelleira de Sostibilidade e Medio Mariño salientou que “este é un proxecto que tiñamos en mente dende hai tempo e que puidemos finalmente levar a cabo nesta tempada 2017. Non se trata tan só de ofrecer un servizo máis á cidadanía, nomeadamente ás persoas con problemas de mobilidade, senón tamén de seguir traballando por conseguir derrubar esas barreiras das que, a maioría das veces, as persoas que vivimos de lonxe estas situacións non somos demasiado conscientes”.

Paz Ermida relatou que “convidamos a este pequeno acto de inauguración a Emma Caamaño, presidenta de A Mariña Cogami, unha asociación constituída aquí en Ribadeo no ano 1989, e que ven dende aquela prestando axuda tanto en xestión, formación e información aos seus 109 socios cos que conta xa na comarca da Mariña. Participa tamén e colabora activamente co Concello en campañas de prevención e sensibilización”.

Ermida engadiu que “tivemos tamén a honra de que nos acompañara Iván Lindín, un coñecido veciño ribadense, campión galego en tres ocasións de tiro olímpico con carabina, afectado dende hai xa seis anos dunha lesión medular como consecuencia dun accidente laboral. Quero agradecer moi especialmente a súa presenza, a súa colaboración, para vir con nós a probar a cadeira, e de maneira singular quero agradecerlle tamén a lección de vida que nos dá cada día”.

A edil ribadense indicou que “é para min un orgullo como responsable política, poder dar conta deste tipo de novas, non só polo feito de ter acadado a cadeira anfibia, senón tamén pola clara vontade de servizo á cidadanía que temos no goberno de Ribadeo, visibilizado neste caso no traballo e na empatía do equipo tanto técnico como de socorrismo e técnicos e técnicas sanitarias do Concello de Ribadeo”.