O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, presentou, na mañá de hoxe na Casa do Concello de Ribadeo, a cuarta edición do programa teatral Buxiganga, que pon en marcha a Área de Cultura, e que pretende apoiar aos grupos de teatro afeccionado, apoiar aos concellos e ao tecido asociativo á hora de deseñar os seus programas en materia cultural e “facer que o teatro e a cultura chegue a todos os recunchos da provincia”, segundo apuntou Antonio Veiga. No acto de presentación tamén estivo o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez

Antonio Veiga fixo fincapé no auxe que está gañando ano tras ano este programa: “No ano 2009 foran 12 grupos de teatro afeccionado os que participaran en toda a provincia , e o pechar 2011 foron 22 colectivos, ou sexa que durante estes anos se contribuíu a fomentar o asociacionismo, así como a afección o teatro, e difundilo e divulgalo a través dos concellos”. “Neste 2012, os circuítos levarán o teatro afeccionado a 62 concellos e asociacións de toda a provincia. En concreto, na Mariña teremos 24 representacións a cargo de diferentes grupos da provincia mentres que os grupos de teatro da nosa comarca terán 19 representacións levando o seu teatro de norte a sur”, puntualizou Veiga.

O vindeiro venres 18 de maio, presentaranse nas rúas de Ribadeo os circuítos Buxiganga. Deste xeito, os sete grupos de teatro da Mariña participantes: A Adala, de Fazouro; Ardora, de San Cibrao; Axóuxeres e O Batán, de Foz; O Bordelo, de Cervo; Raiolas, de Alfoz; e o Grupo de Teatro de Ribadeo, levarán fragmentos das súas representacións a diferentes espazos da vila, coa intención de que o público disfrute do teatro afeccionado. O acto comezará as 19:00 horas na Praza do Cantón, pero en caso de choiva as representacións terán lugar no Auditorio Hernán Naval.

O vicepresidente da Deputación insistiu en que “adaptándonos aos tempos de crise, nós seguimos apostando polo Buxiganga, porque, como di o dramaturgo Arthur Miller ‘o teatro non pode desaparecer porque é a única arte onde a humanidade se enfronta a si mesma”; fai falta moito teatro, fai falta moita arte nestes tempos que estamos a vivir para formar espírito crítico na sociedade e nos colectivos que traballan no eido da cultura”. Unha das novidades desta edición é que, ademais dos concellos, tamén poderán solicitar representacións teatrais dos circuítos Buxiganga asociacións culturais e veciñais que así o desexen. Outra das novidades é que os concellos e asociacións “terán que facerse cargo do 20% do caché dos grupos, gasto que poderán financiar cobrando ata dous euros simbólicos en taquilla, e a Área de Cultura da Deputación financiaría o 80% restante”, puntualizou Veiga, ó que engadiu que “esta forma de financiamento implántase coa idea de buscar unha maior colaboración, así como un mellor funcionamento do programa”.

O caché dos grupos de teatro afeccionado manteríanse idénticos aos do ano pasado de maneira que os grupos de ata cinco persoas cobrarían 300 euros por actuación, os grupos de entre seis e oito persoas cobrarían 500 euros por actuación, e os grupos de máis de nove persoas, 850 euros.

O acto de presentación dos Circuítos Buxiganga, servirá tamén para presentar o Grupo de Teatro de Ribadeo, un novo colectivo da vila, saído do concello e dirixido por Antonio Deaño, que particirá no circuíto representando a obra Lisístrata, unha adaptación da obra de Aristófanes. Dentro dos Circuítos Buxiganga, o Grupo de Teatro de Ribadeo representará esta obra o 20 de outubro no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, o 10 de novembro no Centro Sociocultural da Asociación Arrincadeira de Riotorto, e o 24 de novembro no local da Asociación Irmandades de San Caetano, en Celeiro de Mariñaos. Ademais, o concello de Ribadeo tamén programará Buxiganga neste 2012 tendo dúas representacións. A primeira delas terá lugar o 28 de outubro en Rinlo, onde o grupo Metátase, de Palas de Rei, representará a peza Bolboretas; e a segunda terá lugar o 11 de novembro en Ribadeo, onde o grupo Os Palimoquiños poñerá en escena a obra Os Miserables.