O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “se trata dunha iniciativa na que levamos traballando desde hai tempo desde a Área de Turismo e Comercio que dirixe Ana Martínez, e temos posta nela unhas expectativas razoablemente importantes. Ribadeo é un sitio turístico, que cada vez recibe máis xente e estamos empeñados en unificar a vila e a costa, o que é todo o entramado de restaurantes, de lugares de visita, de monumentos… Queremos enlazar todo o positivo que ten Ribadeo coma o casco vello, Rinlo, as praias. Tiñamos moitas cosas sen poñer en valor, pero que nos últimos tempos estamos a aproveitar”. O rexedor lembrou que “eu sempre me refiro ao número de visitas das Catedrais, ao número de visitas da oficina de turismo, desde hai tres anos puxemos en marcha o bus praia coa empresa coa que estamos aquí, e agora lonxe de limitarnos a facer o que estabamos a facer creamos unha iniciativa máis que é un bus turístico”.

Suárez Barcia explicou que “este bus fará unha ruta partindo da oficina de turismo polo casco vello, a Vilavella, o porto, a praia do Cargadeiro, a Illa Pancha, seguirá polo sendeiro da costa ata Rinlo onde fará unha parada. Voltará para Ribadeo por sitios distinguidos, subirá a Santa Cruz, achegaráse á rúa San Roque, onde temos indicios do noso pasado indiano… en total fará un percorrido duns 30 kilómetros nunhas dúas horas e media e para iso contaremos cunha guía turística que ademais de falar en español, falará en galego, en inglés e tamén en francés”.
O alcalde de Ribadeo dixo que “faremos un compendio de natureza, de historia e de riqueza cultural, paisaxística e arquitectónica e para iso tivemos a axuda de Roberto Rodríguez, que nos axudou a trazar os itinerarios que agora imos poñer en funcionamento con este acordo que temos con Autos Rodríguez Eocar. Nós, o Concello, potenciaremos a información e a publicidade sobre esta iniciativa e eles poñerán o seu risco e a súa ventura en que isto funcione ben, aínda que os primeiros anos sempre costa difundir estas iniciativas”.

Fernando Suárez subliñou na súa comparecencia que “en Ribadeo traballamos en rede, traballamos co sector hosteleiro, cos restaurantes, cos hoteis, coas casas de turismo de rural… por todos istes lugares repartiremos folletos informativos sobre o bus turístico e sobre o bus praia. E faremos que os que nos veñan visitar non só veñan durmir e comer, senón que veñan pasar varios días, que teñan cousas que facer, que poidan ir paseando ata As Aceas, que poidan ir á praia en autobús ou que poidan facer tamén paseos guiados por Ribadeo en bus”.

O bus turístico fará dúas saídas desde a oficina de turismo, unha ás 11:15 horas e outra ás 17:00 horas. Será os días 1, 7, 8, 14, 15, 21, 22, 28 e 29 de xullo (as fins de semana do mes de xullo), os primeiros 19 días de agosto funcionará cos mesmos horarios todos os días e tamén o 25 e o 26 de agosto. O prezo do billete para os adultos será de 8 euros e para os nenos ata 12 anos de 4 euros.

Polo que se refire ao bus praia funcionará todos os días de xullo e agosto e a primeira quincena do mes de setembro. O itinerario será o seguinte: oficina de turismo, rúa Virxe do Camiño, estación de autobuses, praia Os Castros/Illas, praia de Esteiro e praia das Catedrais. As saídas de Ribadeo cara as praias serán ás 11, ás 15:15 e ás 17:45 horas e a volta desde os areais ata Ribadeo ás 13:30, ás 17:00 e ás 20:00 horas. O prezo do billete ida/volta para os adultos será de 4 euros e para os nenos ata 12 anos será de 2 euros. No caso dos adultos poránse á venda bonos de 10 viaxes ao prezo de 20 euros e para os nenos dito bono custará 10 euros.