O rexedor salientou que “a meirande parte dos asuntos contaron coa unanimidade de todos os membros dos grupos da Corporación. Este pleno tiña moitos aspectos económicos e teño que resaltar, unha vez máis, que os resultados económicos acumulados no Concello de Ribadeo nestes últimos anos convidan a un moderado optimismo. Podemos dicir con toda fachenda que estamos preparando todo para amortizar anticipadamente préstamos. Polo tanto en moi pouco tempo imos quedar cunha débeda viva en entidades bancarias duns 300.000 euros, algo inédito hai uns anos cando alcanzaban varios millóns de euros. Agora, coa aprobación nestes últimos días dun decreto lei a nivel estatal imos poder destinar tamén parte dos remanentes positivos que temos a investimentos en espazos públicos, a actuacións financeiramente sostibles tanto na vila como nas parroquias do noso concello. Temos que subliñar tamén que os períodos medios de pago a provedores están en límites inmellorables, e a débeda bancaria é moi asumible”.

Fernando Suárez contou que “tamén foi importante o acordo unánime de todos os membros da Corporación, dado que a tramitación deste ano por cuestións puramente administrativas no IBI, non pode quedar sen incremento este ano, ten que subir un 8%. Para compensar isto o compromiso de toda a Corporación de que non se subira o IBI para este ano, pois a consecuencia desta suba o ano que ven baixará o dobre, o 16%”.

O alcalde ribadense engadiu que “houbo unha desestimación dun recurso dun traballador municipal por incompatibilidade. Non se lle aceptou o que plantexaba de traballar no Concello e ao mesmo tempo noutra actividade privada. Son escasísimas as situacións de posible compatibilidade e esta non o é, polo tanto o pleno da Corporación non llo aceptou”.

Suárez Barcia subliñou que “tamén houbo unha aprobación inicial dunha ordenanza, se cadra moi importante, pero que case ningún Concello a ten en vigor. Nós non por iso queremos deixar de facer as cousas ben, ou polo menos o mellor posible. Trátase da aprobación inicial da ordenanza de incendios forestais e xestión da biomasa en solos urbanos, solo urbano no ámbito da vila de Ribadeo, no ámbito da vila de Rinlo, e tamén no resto de núcleos de solo rural en todas as parroquias. As normativas normalmente no solo rústico son competencia da Xunta de Galicia, pero nos ámbitos urbanos son dos Concellos, e case ningún ten desenvolto este asunto. Desta maneira cando algunha persoa quere pedir para facer unha fogueira, queimar broza, etc…, no ámbito dun núcleo rural, o Concello de Ribadeo non tiña ata o de agora capacidade xurídica nin para dar nin para impedir, polo tanto agora queremos regular e aprobamos inicialmente unha ordenanza que sairá a exposición pública durante un mes, e que collemos practicamente toda a literatura do que a Xunta ten establecido para o seu solo rústico”.

Campo de fútbol
O alcalde declarou que “no apartado de mocións, unanimemente aprobamos todos unha para mellorar a capacidade do alumeado na parroquia de Couxela que ten moitos anos e está nunha situación bastante lamentable. Tamén se decidiu non aceptar unha moción que nun regate corto pretendía facer o compañeiro do Partido Popular, para debater de urxencia aproveitando estas circunstancias da mala calidade que ten o campo de fútbol Pepe Barrera, concretamente o seu céspede, e pedir un convenio coa Deputación para facer un novo campo de fútbol”.

Suárez Barcia explicou que “nosoutros cremos que ten toa a razón e que hai que seguir traballando en todo isto, de feito as nosas prioridades ata o de agora foron a residencia e determinadas infraestruturas por encima de calquera outra cousa, agora que parece que está máis encarrilado todo isto podemos facer algo máis. De aí que hai xa un tempo, enviámoslle un documento ao presidente da Deputación de Lugo para pedirlle axuda a ese organismo provincial, que sempre se porta moi ben con Ribadeo, para redactar un proxecto de obra cunha separata de expropiación para facer un novo campo de fútbol de herba sintética en Ribadeo, concretamente detrás da mazá que limita pola avenida de Galicia, pola rúa Pintor Fierros, está detrás dos institutos e está ao pé do campo de fútbol. É unha zona que o plan xeral contempla como dotacional deportiva, que ten unha parte xa de solo público, pero que ten outra parte de solo privado que require unha expropiación previa. Polo tanto en canto teñamos o documento enriba da mesa redactado pola Deputación, é cando non haberá ningún problema para decidir a quen lle vaiamos pedir axuda económica”.

O alcalde considera que “sería boa cousa que, neste caso a Xunta se comprometera xa que leva tantos anos sen poñer un peso en deporte en Ribadeo, nada máis que de vez en cando ven poñer algunhas medallas cando hai algún torneo deportivo. Polo tanto si que nese momento será o momento de pedir á Xunta, á Deputación, e a quen sexa, pero sobre todo á Xunta, o compromiso firme, pero para iso estamos traballando xa desde hai tempo, e temos que ter proxectos claros que indiquen onde, cando e como se pode facer, e non soamente un brinde ao sol dunha moción política”.