A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, explicou que “dende a Concellaría de Igualdade de Ribadeo queremos dar unha información que nos parece moi importante e moi relevante. Ao longo de toda esta tempada que vivimos do Covid-19, amosábamos a nosa preocupación polas dificultades de conciliación laboral e familiar das familias do concello de Ribadeo”.

A edil ribadense subliñou que “hoxe é un día no que estamos en disposición de anunciar que as nosas ludotecas municipais van proceder á súa apertura, algunha delas xa está e outras a partires do 6 de xullo coas debidas medidas de seguridade e hixiene”.

Álvarez Lastra dixo que “o Concello de Ribadeo, como xa anunciamos no seu momento, está en disposición de poder axudar a todas aquelas familias que teñan unhas rendas mensuais netas por fillo que non superen os 1.500 euros ou de dous ou máis fillos por valor de 1.800 euros, que estean empadroadas no noso concello. A axuda que se financia desde o Concello de Ribadeo é sufragar o 50% do gasto da hora nas ludotecas municipais”.

A concelleira sinalou que “as persoas interesadas deben, en primeiro lugar, achegarse á páxina web do noso Concello, tanto á páxina de Xuventude como á páxina do Centro de Información á Muller onde terán toda a información á súa disposición. Non obstante, para ter unha información máis directa ou para poder tramitar ese bono de conciliación, por un importe do 50% do custe da ludoteca a quen queira levar aos seus fillos, poden chamar ao Centro de Información á Muller ao 982 120 739 ou á Oficina de Información Xuvenil ao teléfono 982 129 889”.

A edil de Igualdade engadiu que “o Concello de Ribadeo, a partires de hoxe, pode facer a tramitación e pode elaborar os bonos de conciliación para aquelas axudas a asistencia á ludoteca municipal daquelas familias que o necesiten para conciliar a vida laboral e familiar, e tamén para a formación”.